5 de mar. de 2024

SOCIEDADE

A CIG chama as mulleres a tomar a rúa o 8M ao berro de ‘Stop precariedade. Traballo digno e igualdade’ 

 A central ten convocadas 12 mobilizacións por todo o país. En Vigo haberá manifestación, mentres que Cangas e A Guarda acollerán concentracións  


Ester Mariño, secretaria comarcal das Mulleres da CIG de Vigo
Foto: CIG

Infogauda / Vigo / Cangas / A Guarda

 A secretaria comarcal das Mulleres da CIG de Vigo, Ester Mariño, presentou esta mañá en rolda de prensa as mobilizacións que terán lugar na cidade, Cangas e A Guarda para conmemorar un ano máis o 8 de Marzo, Día Internacional das Mulleres Traballadoras. 

 A central sindical ten programadas para esa xornada un total de 12 mobilizacións por todo o país A baixo o lema ‘Stop precariedade. Traballo digno e igualdade’. No caso de Vigo consistirá nunha manifestación dende o cruce da Dobrada ás 11:30 horas, mentres que en Cangas (capela do Hospital, 11:30 horas) e A Guarda (praza Avelino Vicente, 11:30 horas) celebraranse concentracións. 

 Mariño explicou que nesta ocasión as protestas enmárcanse na campaña contra a precariedade posta en marcha pola CIG a nivel nacional, “tendo en conta que precisamente as mulleres somos o grupo poboacional con maior índice de precariedade laboral como consecuencia da discriminación histórica que padecemos por parte do sistema patriarcal”. 

 A responsábel sindical citou como exemplo algúns dos datos que figuran no Informe sobre a Situación Sociolaboral das Mulleres en Galiza 2023 elaborado polo gabinete técnico de Economía da CIG e presentado recentemente. “Este ano hai unha cuestión que nos alarmou especialmente: nos últimos tempos viñamos observando unha tendencia de diminución paulatina da fenda salarial no mercado de traballo, pero iso mudou, xa que os datos amosan que en 2022 medrou con respecto a 2021”.  En 2021 a fenda salarial foi do 18,6%, porcentaxe que en 2022 se situou no 18,7%, polo que as mulleres ingresaron de media 4519 euros ao ano menos que os homes. “Aínda que a priori pode parecer un incremento pouco significativo, o certo é que estamos a falar de 281 euros anuais, unha cantidade importante tendo en conta os baixos salarios que perciben boa parte das mulleres traballadoras”. 

 Estas diferencias tamén se dan no caso dos tipos de contratación (a indefinida é do 70,1% no caso das mulleres e do 81,1%). “Aínda que estes datos son enganosos, xa que os contratos fixos descontinuos, que entran dentro do cómputo dos indefinidos, están ocupados nun 60% por mulleres”. 

 Mariño fixo fincapé ademais en que o que máis afonda na fenda salarial é o aumento da temporalidade, e o 29,9% dos contratos das mulleres son a tempo parcial, mentres que no caso dos homes baixa até o 18,2%. “Esta precarización das condicións de traballo das mulleres teñen que ver coas últimas reformas laborais que se veñen aplicando, incluso por gobernos que se din feministas, xa que estenderon a parcialidade no emprego e a contratación fixa descontinua”.  

 A isto hai que engadir as discriminacións históricas que sofren as mulleres no mundo do traballo: o teito de cristal, a segregación ocupacional vertical e horizontal ou o uso de dereitos de conciliación. “E algo moi importante como a fenda nas pensións, que evidencian todas estas diferencias que padecemos as mulleres: se traballamos menos anos, a tempo parcial, nun sector feminizado e polo tanto con salarios máis baixos ou se nos desvinculamos do mercado laboral para dedicarnos aos coidados imos ter cotizacións máis baixas e en consecuencia peores pensións”. De feito, as pensionistas galegas cobran de media 421,88 euros menos ao ano que os pensionistas homes. 

 Por todo isto, “e ante a frustración de ver como o auxe e a socialización do discurso feminista dos últimos anos non tivo un impacto directo nas mellora das condicións de traballo e de vida das mulleres”, a CIG fai un chamamento a encher as rúas este venres día 8. “Temos que poñer o foco neste tipo de desigualdades que impiden que as mulleres teñamos unha vida digna; consideramos fundamental unha revalorización dos traballos dos coidados, que ocupan principalmente as mulleres; hai que rematar coa segregación no mundo do traballo (nos sectores feminizados os salarios son un 30% máis baixos); urxe rematar coa parcialidade; e implementar medidas que garantan os dereitos de conciliación”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario