5 de mar. de 2024

O ROSAL

O Rosal súmase ao coidado da natureza cun obradoiro de construción de hoteis para insectos  

 Concello e ANABAM celebran este curso gratuíto o vindeiro sábado 16 de marzo ás 10.30 horas, no muíño das Aceñas   



 

Infogauda / O Rosal  

 O Rosal continúa dando pasos para concienciar á veciñanza sobre a importancia do coidado da natureza cunha nova actividade de balde para todos os públicos. Concello e ANABAM organizan o vindeiro sábado 16 de marzo,  a partir das 10.30 horas, nas instalacións do muíño das Aceñas, un obradoiro de construción dun ‘Hotel para insectos’, que busca achegar a rosaleiros e rosaleiras a estes pequenos seres que xogan un papel moi importante na natureza como polinizadores.  

 O obradoiro estará aberto a público de todas as idades. As persoas interesadas en participar nesta actividade gratuíta poden xa inscribirse enviando unha mensaxe de Whatsapp ao número de teléfono 616 18 05 57. 

 Beatriz Rodríguez, concelleira de Medio Ambiente,  salientou a importancia para veciñanza e contorna de realizar este tipo de actividades, “unha grande oportunidade para aprender e desfrutar da biodiversidade local”. A edil convida a todos os rosaleiros e rosaleiras a participar no obradoiro e “involucrarse nunha iniciativa que nos permitirá seguir creando conciencia dun xeito ameno e divertido sobre a importancia da conservación da natureza”. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario