27 de mar. de 2024

A GUARDA

Elena Rivo destaca as iniciativas de conciliación promovidas pola Xunta en período non lectivo na súa visita ao programa de lecer de Semana Santa da Guarda 

 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, visitou o CEIP A Sangriña, onde un total de 31 rapazas e rapaces de entre 3 e 10 anos participan na actividade Concilia Semana Santa activada polo municipio con apoio autonómico


A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, visitou hoxe o centro escolar A Sangriña, acompañada polo alcalde e membros do Goberno municipal do Concello de A Guarda

Foto: X. G.

Infogauda / A Guarda 

 A conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo, acompañada polo alcalde Roberto José Álvarez Carrero, e membros do Goberno municipal do concello guardés, visitou hoxe o centro escolar A Sangriña, onde o Concello da Guarda está a celebrar, co apoio da Xunta de Galicia, a actividade Concilia Semana Santa, na que toman parte nenas e nenos de entre tres e dez anos deste municipio. 

 A acción, apoiada pola Xunta de Galicia no marco do Plan Corresponsables, quere favorecer a conciliación da vida persoal e laboral das familias da Guarda, facilitándolles un recurso de apoio nestes días de inactividade escolar. 

 A proposta ten o atractivo engadido de ofrecer un espazo de lecer en horario de mañá para trinta e un menores escolarizados, aos que se oferta unha axenda de actividades lúdicas e obradoiros adaptados aos seus intereses. 

 Trátase dun programa gratuíto, vital para que a veciñanza da Guarda poida conciliar vida persoal, laboral e familiar, que pon ao seu dispor un servizo de coidado de 8,30 a 14,30 horas os días 25, 26, 27 e 1 de abril. 

 Rivo comprobou a utilidade e o éxito destas propostas, necesarias para seguir a impulsar en Galicia iniciativas que permitan avanzar cara benestar laboral. 

 A Administración autonómica está a destinar este ano case 11 millóns de euros en axudas para apoiar ás entidades locais galegas no impulso da igualdade, no funcionamento dos Centros de Información á Muller (CIM) e para avanzar na conciliación e corresponsabilidade. En concreto, 6 millóns diríxense a este último propósito, con accións encamiñadas a favorecer a conciliación e a corresponsabilidade no eido local, que se financian cos fondos recibidos por Galicia do Estado,  a través do Plan Corresponsables.  

 Grazas a este plan, Galicia está a ofertar actividades durante todo o ano e especialmente en períodos non lectivos para menores de ata 16 anos en diferentes eidos: desde actuacións lúdicas, campamentos en diversas disciplinas deportivas ata obradoiros adaptados a distintos grupos de idade. 

 En colaboración con entidades e concellos, entre eles o da Guarda, estanse a habilitar servizos de coidado profesional para que os rapaces poidan aprender e divertirse ao tempo que permite aos pais e nais a conciliación da vida, persoal, laboral e familiar. 

 O Plan Corresponsables contribúe tamén a xerar emprego coa contratación de persoas coidadoras e monitores para cada unha das actividades que se desenvolven.

Ningún comentario:

Publicar un comentario