O presidente da Xunta de Galicia en funcións asistíu á culminación da posta en servizo da conexión coa A-55 e o polígono de Areas
Rueda destacou a relevancia do novo tramo da autovía Tui-A Guarda para acadar a “vertebración fundamental” entre o sur de Galicia e Portugal
Enxalzou a importancia desta infraestrutura “moi demandada e complexa” e garante o compromiso de completala “ata ao final”, en referencia á súa conexión coa PO-350
Foto: X.G.
Infogauda / Tui
O presidente da Xunta en funcións, Alfonso Rueda, destacou este mércores día 28 de febreiro, que a conexión da A-55 co polígono de Areas a través da autovía Tui-A Guarda —e que hoxe culmina a súa posta en marcha — vai ser clave para mellorar as comunicacións e acadar a “vertebración fundamental” entre o sur de Galicia e Portugal.
Así o puxo en valor durante a presentación do novo treito desta vía de altas prestacións, no que estivo acompañado da conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez, onde fixo fincapé na importancia desta infraestrutura “moi demandada e complexa”.
O titular en funcións do Goberno galego salientou que este novo tramo vai permitir que a veciñanza do Baixo Miño se desprace de forma más rápida e segura pola comarca e vai servir para dinamizar e mellorar a competitividade do polígono de Areas, que conta cunha importante actividade industrial e económica. Grazas a este enlace, os usuarios que se despracen de Tui a A Guarda poderán acceder de forma sinxela a autovía que une Vigo e Portugal (A-55).
O pasado 17 de xaneiro entraron en servizo tres ramais do enlace que comunica o polígono de Areas coa A-55. En concreto, os ramais de saída do enlace quilométrico 30 da autovía A-55 así como ramal directo entre a glorieta das estradas N-551 e PO-552 e a glorieta. Esta tarde culmínase a conexión entre o polígono de Areas e a autovía que une Vigo e Portugal (A-55) coa posta en servizo do ramal de entrada desde o enlace á autovía en sentido Portugal.
Compromiso de completala “ata ao final”
Tras a culminación desta obra, Rueda asumiu o compromiso de completar esta infraestrutura “ata ao final”, en referencia á súa conexión coa PO-350. Precisamente, o treito entre o enlace de Areas e a PO-350 ten o proxecto en redacción. Neste senso, adiantou a intención do Goberno galego de licitar esta conexión “antes de que remate este ano”.
Ao respecto, lembrou que o Consello da Xunta aprobou a pasada semana o proxecto de trazado do subtreito entre a PO-350 e Estás e nas vindeiras semanas darase tamén o visto e prace ao proxecto do tramo entre Estás e Goián.
“Especial demostración” da aposta da Xunta por mellorar as comunicacións
Na súa intervención, Rueda salientou que o novo tramo de autovía Tui-A Guarda supón unha “especial demostración” do compromiso do Goberno autonómico pola mellora das comunicacións e da seguridade viaria. En concreto, fixo referencia a aposta da Xunta por ampliar as vías de altas prestacións libres de peaxe por toda a comunidade. Hai que lembrar que o Goberno galego incrementou nun 70% os quilómetros deste tipo de estradas desde 2009 ao construír 220 novos.
Nesta liña, garantiu que a Xunta seguirá traballando para habilitar máis autovías de balde, aproveitar as vantaxes das novas tecnoloxías para reducir a siniestralidade ou reforzando o control das infraestruturas. “É o camiño a facer”, defendeu para concluír, xa que argumentou que este compromiso da Xunta coas comunicacións que son da súa competencia lle dá “autoridade e fortaleza” á hora de reivindicar infraestruturas de “primeiro nivel” para Galicia e que dependen doutras administracións.
Ningún comentario:
Publicar un comentario