17 de feb. de 2024

TUI

O Concello de Tui vai presentar unha Guía de Separación de Residuos

 O próximo xoves, 22 de febreiro, ás 17 horas,  no edificio Francisco Sánchez (entrada porta 4)

 


Infogauda / Tui

 O Concello de Tui aposta por realizar cada vez unha mellor xestión dos residuos xerados a nivel doméstico, fomentando a separación e reciclaxe. Continuando con esa liña de traballo o próximo xoves, 22 de febreiro, ás 17 h terá lugar no edificio Francisco Sánchez (entrada porta 4) a presentación da Guía de Separación Residuos. Esta publicación, elaborada polo Concello de Tui, ten por obxectivo aportar, de xeito sinxelo e visual, información  sobre onde depositar os  distintos tipos de residuos. Ao longo das páxinas desta publicación resólvense tamén as dúbidas que poden xurdir sobre o lugar correcto para depositar determinados residuos. Os envases de vidro, os lixeiros, papel e cartón, aceite de cociña usado, contedor verde, residuos vexetais, punto limpo e roupa son os apartados nos que se estrutura a guía indicando de forma visual que se debe depositar e que non en cada un dos contedores de recollida selectiva para lograr desta forma unha axeitada xestión do lixo.  

 Na presentación participarán o alcalde, Enrique Cabaleiro, os concelleiros de Medio Ambiente, Ismael Diz, de  Xestión de Residuos, Rafael Estévez, a mestra composteira e técnica de xestión de residuos, Sara Luque, xunto a persoal técnico do CEIDA.  

 A continuación no Anexo da Sala Municipal inaugurarase a exposición itinerante  de Ponte a Zero, o Programa de Educación, Formación e Divulgación Ambiental sobre redución e xestión dos residuos na provincia de Pontevedra, promovido pola Deputación de Pontevedra e o CEIDA. A exposición está formada por dez paneis sobre os residuos e a súa xestión abordando dende o grave problema do lixo e a composición do lixo urbano, os tres R’s, a compostaxe, o papel, o vidro, plásticos e metais, residuos especiais e os puntos limpos.  

 Ás 18 h terá lugar unha charla sobre “Os microplásticos”  na que se abordará a problemática dos microplásticos, tanto fibras coma esferas, procedentes da fragmentación de plásticos convencionais e a súa chegada aos ecosistemas e á cadea alimentaria. A continuación celebrarase un obradoiro no que se realizará unha análise visual dunha mostra de terra ou area avaliando a posible presenza de microplásticos, a súa orixe e tipoloxía. Para esta actividade é recomendable inscrición previa no correo compostaxe@tui.gal ou no teléfono 687 24 99 53.

Ningún comentario:

Publicar un comentario