29 de feb. de 2024

PONTEVEDRA

A Deputación de Pontevedra reafirma o seu compromiso coa igualdade cunha “ampla programación” de actos para o 8M 

A deputada Sandra Bastos foi a encargada de detallar a axenda de actos deseñada pola institución baixo o lema “Seguimos con todas e para todas” coa que “queda claro que o noso compromiso coa equidade de xénero e co benestar das mulleres é irrenunciable”


A deputada Sandra Bastos foi a encargada de detallar a “ampla programación” deseñada pola institución provincial baixo o lema “Seguimos con todas e para todas” 

Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 A Deputación de Pontevedra promoverá ao longo do mes de marzo unha vintena de actos para conmemorar o 8M, Día Internacional da Muller. A deputada Sandra Bastos foi a encargada de detallar a “ampla programación” deseñada pola institución provincial baixo o lema “Seguimos con todas e para todas” coa que “queda claro que o noso compromiso coa equidade de xénero e co benestar das mulleres é irrenunciable e que desde que este goberno tomou posesión, apostou, está a apostar e vai seguir apostando pola igualdade como un espazo amplo, cómplice e aberto a todas e a todos”.  

 “Somos moi conscientes de que sen a igualdade real e efectiva de mulleres e homes non hai dereitos nin liberdades para ninguén”, afirmou a deputada provincial e remarcou a importancia de alzar a voz e tender pontes para configurar unha sociedade máis comprometida coa equidade de xénero. Deste xeito, a programación deseñada pola Deputación tenderá pontes cara á igualdade, “sendo un obxectivo prioritario non soamente este 8M, senón os 365 días do ano e en todas as áreas do Goberno”, cos organismos públicos e co tecido asociativo provincial e coas mulleres das distintas esferas da sociedade. “Todas elas —asegurou Sandra Bastos— serán protagonistas da programación do 8M”, a cal non vai quedar limitada ao propio día porque “o noso compromiso coa igualdade vai moito máis alá”.  

A programación ao detalle  

 A xornada do 8M comezará coa iluminación de morado das sedes da Deputación en Vigo e en Pontevedra, que lucirán lonas e paneis deseñados para a ocasión pola ilustradora Abi Castillo, a quen Sandra Bastos lle agradeceu “a súa implicación e compromiso”. Ademais, haberá un gran acto central no Pazo provincial, durante o cal que Susana Pérez Iglesias, presidenta da Asociación de Empresarias de Galicia, lerá un manifesto. E, para rematar por todo o alto, terá lugar un acústico a cargo de Fillas de Cassandra.  

 A programación amplíase a todo o mes de marzo e tenderá pontes coas mulleres de diferentes eidos da sociedade. Deste xeito, coas mulleres da cultura organizaranse ata oito actos, que se estenderán entre o 29 de febreiro e o 21 de marzo. O primeiro deles terá lugar esta mesma tarde, co seminario Museos, Feminismos, Canon. Outras Historias da Arte, no edificio Castelao do Museo de Pontevedra. O luns 4 de marzo Lalín acollerá e exposición itinerante “Pontevedra e América” e un faladoiro non que intervirán M.ª Xosé Rodríguez Galdo e M.ª Xosé Porteiro. O martes 5 de marzo, ás 19:00 horas, está prevista a presentación do mural da artista Pilar Alonso no Centro Agarimo de Príncipe Felipe e o xoves 7 de marzo continúa o programa Aquí Faltan Páxinas cun faladoiro sobre as leiteiras de Pontevedra a cargo de Xiana Iglesias.  O propio 8 de marzo a ilustración será a protagonista da man de Abi Castillo e a música, co espectáculo “Ausencias. Unha viaxe pola música en feminino” de Vagalume, no ciclo O Son do Piano do Museo de Pontevedra. Xa cara a mediados de mes, os días 15 e 16 de marzo, terá lugar no Teatro Principal de Pontevedra o encontro As Mulleres que Opinan Son Perigosas e o xoves 21, un novo faladoiro de Aquí Faltan Páxinas, centrado en Inmaculada Paz Andrade, sobre a que falará Xoana Pintos.  

 As mulleres da empresa serán tamén protagonistas da programación deseñada pola Deputación con motivo do 8M, coa lectura do manifesto a cargo da presidenta de Empresarias de Galicia, Susana Pérez. Pola súa banda, as mulleres do mar terán o seu espazo propio a través de tres proxectos: unha exposición e un obradoiro sobre as achegas das mulleres á sustentabilidade, que terá lugar no CEIP Plurilingüe Antonio Palacios do Porriño o martes 5 de marzo; unha mostra fotográfica organizada pola Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA), que acollerá o vestíbulo do Pazo provincial; e unha xornada, que se desenvolverá no salón de plenos da Deputación e na que se afondará nas organizacións de produtores pesqueiros e nos principios e fundamentos para o seu desenvolvemento e implantación no novo marco europeo.  

 A programación da Deputación ao abeiro do 8M tamén tenderá pontes coas mulleres da educación a través dun obradoiro de sensibilización en igualdade na Escola de Enfermería, a cargo da politóloga Priscila Retamozo, o xoves 7 marzo, entre as 9:30 e as 14:00 horas;  e do concurso escolar E Ti, Que Pensas da Igualdade?, dirixido a alumnado de primaria, educación especial e secundaria da provincia, para que reflexionen sobre a igualdade, e doutro obradoiro de sensibilización en igualdade no Centro Penitenciario da Lama.  

 As mulleres da ciencia e da investigación formarán parte da programación da Deputación polo 8M, cun programa de videopódcast con dúas charlas coloquio e dúas mesas redondas, que terán lugar os días 14 e 21 de marzo e 4 e 11 de abril, nas que diversas expertas afondarán sobre os teitos de cristal, o emprendemento, a investigación no exterior ou as vocacións femininas.  Finalmente, as mulleres da política terán espazo propio a través dunha acción global cos concellos centrada nos puntos violetas e na campaña contra as agresións sexuais que se lanzará este ano 2024.

Ningún comentario:

Publicar un comentario