29 de feb. de 2024

GALICIA

CCOO entregará os Premios 10 de Marzo a Xosé Manuel Sánchez Aguión, Dolores Fernández Galiño e José Antonio Uris Guisantes

 O sábado, día 2, o acto da entrega dos Premios 10 de Marzo será retransmitido por CCOO


 Premios 10 de Marzo 2024: María Dolores Fernández Galiño, Xosé Manuel Sánchez Aguión e José Antonio Uris Guisantes

Comisións Obreiras de Galicia (CCOO)

 O Sindicato Nacional de Comisións Obreiras de Galicia (CCOO) e a Fundación 10 de Marzo entregan o próximo sábado, día 2, os Premios 10 de Marzo, cos que cada ano se destacan traxectorias vitais e profesionais comprometidas coa loita polas liberdades e polos dereitos da clase traballadora. Nesta 33.ª edición serán galardoados Xosé Manuel Sánchez Aguión, María Dolores Fernández Galiño e José Antonio Uris Guisantes. O acto comezará ás 11:30 horas e será presentado pola xornalista Aida Pena.  

 A entrega de premios será retransmitida a través da canle de YouTube de CCOO. 

Convidados confirmados  

 Ademais do propio Unai Sordo, secretario xeral de CCOO, confirmaron a asistencia a esta entrega de premios, entre outros, o deputado do Grupo Parlamentario Plurinacional SUMAR, Manuel Lago; a directora xeral de Relacións Laborais, Elena Mancha; o director territorial da Inspección de Traballo, Demetrio Fernández; o presidente do CES-Galicia, Manuel Pérez; a secretaria do Consello Galego de Relacións Laborais, Cristina Fabeiro; o secretario xeral de UGT, José Antonio Gómez, e o secretario de Organización, José Luis Celis; o presidente da Fundación Luis Tilve, José Benito Núñez; a adxunta á valedora do Pobo, María Xosé Porteiro; e Carlos Gutiérrez, secretario de Estudos da Confederación sindical de CCOO.

Perfís biográficos das persoas premiadas nos Premios 10 de Marzo 2024  

Xosé Manuel Sánchez Aguión  

 Nado en Boimorto en 1956, sendo moi novo a súa familia trasladouse á Coruña. Formouse como capataz agrícola en Bergondo e tería os primeiros contactos coa esquerda e o sindicalismo a través dun técnico do Ministerio de Agricultura. En 1977 afiliouse a CCOO, sindicato onde desempeñaría diferentes responsabilidades. Entre os anos oitenta e noventa dirixiu a Federación de Alimentación, máis tarde a secretaría xeral da Unión comarcal da Coruña. Entre 1996 e 2009 tivo diferentes cargos de responsabilidade no Sindicato Nacional de CCOO, primeiro con Suso Díaz e máis tarde con Xan María Castro. En marzo do 2009 foi elixido secretario xeral do Sindicato Nacional de CCOO de Galicia, que revalidaría catro anos máis tarde, finalizando o seu mandato en maio do 2017.    

María Dolores Fernández Galiño  

 Nada no Carballiño en 1963, alí pasou a infancia e a mocidade. Aos 18 anos foi estudar a carreira de Dereito a Santiago de Compostela. Tras opositar á xudicatura, o seu primeiro destino foi a comezos dos noventa en Ponteareas, e xa en 1992 tomou posesión no Xulgado do Social 2 de Pontevedra, onde foi por un tempo a única muller maxistrada con destino na cidade. No xulgado tivo contacto máis próximo coas relacións laborais e cos sindicatos, especialmente con CCOO. Entre o 2001 e o 2019 estivo destinada na Audiencia Provincial da Coruña; alí tivo ocasión de coñecer de accidentes de traballo, de acosos sexuais no traballo e outros delitos contra os dereitos das persoas traballadoras. No ano 2019 foi designada Valedora do Pobo de Galicia, desde onde asumiu o compromiso de facer do feminismo e da loita pola igualdade un dos sinais de identidade da institución.  

José Antonio Uris Guisantes  

 Coñecido por todo o mundo como Uris, naceu na década dos corenta na Guarda. Mancebo de botica desde a adolescencia, e nun tempo en que non había profesionais da enfermería, puxo da súa parte por axudar a veciñanza. Nos primeiros tempos democráticos implicouse activamente na vida sindical a través de CCOO da Guarda. Aquí fúndanse asociacións de carácter cultural, político e de memoria. Nace a Comisión Cidadá Pro-Fosa Común de Sestás que preside Manuel Domínguez Taxota e na que Uris ten parte moi activa. A principios dos oitenta funda, e é o seu primeiro secretario xeral, a agrupación socialista da Guarda, chegando a ser concelleiro. A comezos dos noventa deixa a política municipal para se dedicar á asociación Érguete Baixo Miño, en colaboración con Carmen Avendaño, para loitar contra as drogas. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario