O Trail Adventure Muíños do Folón quenta motores cunha participación histórica
• Preto de 600 deportistas de máis de 14 provincias e do norte de Portugal disputarán este 3 de marzo a segunda proba da Pontevedra Trail League
• A carreira consolídase como un evento de referencia capaz de atraer cada ano a máis persoas interesadas por un turismo deportivo concienciado coa contorna
Infogauda / O Rosal
O Trail Adventure Muíños do Folón quenta motores para celebrar unha edición de récord. Preto de 600 deportistas de máis de 14 provincias de España e do norte de Portugal disputarán o vindeiro domingo 3 de marzo unha nova edición desta carreira, a segunda proba da Pontevedra Trail League.
A alcaldesa do Rosal, Ánxela Fernández Callís, e o concelleiro de Deportes e Turismo, José Carlos Martínez Crespo, participaron no acto de presentación do trail, na que estiveron acompañados polo director técnico da proba, Serafín Martínez, así como por representantes da Asociación Española contra o Cancro, da Comunidades de Montes do Rosal e das e dos voluntarios que cada ano preparan a ruta.
“Cada edición esta proba supera todas as nosas expectativas. Este ano contaremos cunha participación histórica, o que ratifica que estamos ante unha proba consolidada e que mellora edición a edición. E o seu percorrido, nunha contorna única polos muíños do Folón, serven para poñer de novo en valor o noso espazo natural e patrimonial”, salientou a rexedora.
O Trail Adventure Muíños do Folón é un exemplo claro da aposta do Concello polo turismo deportivo e de calidade. “Só o 5% das e dos inscritos proceden do Baixo Miño, o que demostra que somos quen de atraer cada vez a máis amantes da actividade física e da natureza, afondando nun turismo deportivo con persoas concienciadas coa contorna”, resaltou Martínez Crespo.
O evento contará con dúas distancias: a Adventure 12km con case 500 metros de desnivel en positivo e que terá o punto máis alto de paso na capela de San Martiño e a Advance 21km, con case 1.000 metros de desnivel, pasando por zonas técnicas espectaculares. A carreira sairá ás 10.00 e ás 10.30 horas dende a Praza do Calvario.
Ademais, como cada ano, o Trail Adventure Muíños do Folón amosará a súa cara máis solidaria recadando fondos a favor da Asociación Española contra o Cancro (AECC), tanto a través da venda de artigos de comercialización durante a celebración da mesma proba como cunha fila 0 aberta para sumar achegas de calquera persoa interesada en colaborar. As inscricións continúan abertas na web do evento ata o mércores ás 23.59 horas.
Dende o Concello quere agradecerse unha vez máis a colaboración da Comunidade de Montes do Rosal, de Protección Civil e aos veciños e veciñas e afeccionados e afeccionadas ao sendeirismo que forman parte do grupo de voluntariado activo que percorren os montes para crear novas rutas e que cada ano o trail sexa diferente e un pouco mellor.
Ningún comentario:
Publicar un comentario