9 de feb. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN

DHF

O Mecalia Atlético Guardés visita o Palau d’Esports co obxectivo de romper o seu maleficio ante o Granollers 

• O encontro terá lugar este sábado (18:00 horas) no Palau d´Esports, onde o equipo do Baixo Miño non vence en Liga desde a tempada 2017/18 

 Ambos os dous equipos atópanse nun gran estado de forma tras 7 xornadas ligueiras 


Equipo do Mecalia Atlético Guardés da DHF
Foto: M.A.G.

Redacción Deportes 

 O Mecalia Atlético Guardés poñerá rumbo cara a terras catalás para enfrontarse ao KH-7 BM Granollers na décimo séptima xornada da liga Guerreiras Iberdrola. O encontro terá lugar este sábado día 10 de febreiro,  ás 18:00 horas, no Palau d’Esports, e supón un reto dobre para o conxunto do Baixo Miño: manter a súa serie de imbatibilidade (7 vitorias en liga e unha en copa) e romper o seu maleficio no feudo catalán, onde en competición doméstica non vence desde a tempada 2017/18.  

 O Mecalia Atlético Guardés chega a esta data tras impoñerse con solvencia (33-26) ante un dos grandes equipos da competición, o Caixa Rural Aula Valladolid, e con ningunha baixa nova salvo as xa consabidas (Júlia Nuez e Nerea Solares). O persoal pilotado por Cristina Cabeza configura o equipo máis en forma do torneo: as xogadoras lograron sumar os seus últimos 14 puntos en xogo, o que lles permitiu asentarse na quinta praza (22 punto).  

 Pola súa banda, o combinado granollerense venceu a Elda no seu último choque (26-29) e, do mesmo xeito que o Mecalia Atlético Guardés, encadean 7 xornadas de liga invictas (5 vitorias e 2 empates), obtendo 12 dos 14 puntos posibles. O equipo dirixido por Robert Cuesta sitúase sétimo na táboa con 18 puntos. 

 A última vez que Mecalia Atlético Guardés e Granollers víronse as caras foi o pasado 7 de outubro na Sangriña, na sexta xornada. A vitoria foi entón para o Mecalia (34-31). 

Cristina Cabeza: “Será un partido moi bonito e moi disputado de principio a fin” 

 En relación á preparación para o partido, a adestradora Cristina Cabeza afirma que “o equipo está ben” a pesar de ter que adestrar baixo mínimos polas enfermidades de varias xogadoras. Ademais, a madrileña destaca a dificultade de ser visitante no Palau: “Ao Guardés dáselle especialmente mal Barcelona e elas teñen un refacho moi positivo no seu campo”. Con todo, a preparadora sostén que o estado de forma do equipo xéralles motivación e ganas de vencer nese pavillón despois de moito tempo.  

 En canto ao estilo do rival, a técnica descríbeo como “un equipo con certas similitudes, a pesar de ter xogadoras bastante diferentes”. Considera que “o seu esquema ofensivo e defensivo é moi parecido” e indica que é un equipo ao que “lle gusta correr e cunhas porteiras que lanzan moi ben os contraataques”. 

 A técnica madrileña prevé “un partido moi bonito e moi disputado de principio a fin” e espera romper a mala serie no municipio barcelonés.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola 

Xornada 17

KH-7 BM Granollers – Mecalia Atlético Guardés 

Sábado, 10 de febreiro, ás 18:00 horas 

Palau d’Esports 

En directo pola canle de YouTube de VOTV. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario