24 de xan. de 2024

TUI

Mañá abre a inscrición no Concurso Desfile de Entroido 

• As comparsas e grupos interesados teñen até ás 14:00 horas, do luns 29, para presentar a solicitude na sede electrónica do Concello de Tui




Infogauda / Tui

 Mañá xoves abre o prazo de inscrición para o XXXV Concurso Desfile de Entroido que se vai celebrar o Martes de Entroido, 13 de febreiro. Poderán participar comparsas, cun mínimo de 30 persoas disfrazadas, e grupos formados por entre 10 e 20 persoas.  

 A inscrición debe realizarse presentando a solicitude, e a documentación requirida, na sede electrónica do Concello de Tui.  As comparsas non poderá ocupar máis de 120 metros de longo. As carrozas terán coma medidas máximas 4 metros de alto, 3 metros de ancho e 12 metros de longo.  

 No Desfile-concurso de Entroido entregaranse 5 mil euros en premios en tres categorías: xeral, carroza e fantasía. O importe oscila entre os 900€ do primeiro premio da Categoría xeral, e os 300€ do cuarto premio de carroza. Amais establécese unha compensación económica por participar de 700€ para as comparsas que desfilen con carroza, e 250€ para as que non leven carroza, e de 250€ para os grupos con carroza e 100€ para os que non leven carroza.  

 Para outorgar os premios o xurado terá en conta o número de participantes da comparsa ou grupo, a actualidade, vestiario, parodia, e acompañamento musical. No caso das que concursen na categoría de Fantasía valorarase o vestiario, a coreografía ou o desfile realizado.  

 En caso de choiva o desfile aprazarase para o sábado 17 de febreiro, e nese caso a inscrición deberá realizarse de novo so o mércores 14 de febreiro.  

 O domingo, 18 de febreiro, ás 19.30 h celebrarase o Enterro do Bacallau no que deberán participar cando menos o 50% dos integrantes das comparsas ou grupos, vestidos de rigoroso loito. A comparsa gañadora do concurso na categoría xeral será a que porte o Bacallau, a que gañe na categoría de carrozas terá que fabricar o Bacallau, e a que obteña maior puntuación en acompañamento musical realizará a escolta musical do Bacallau.  

 As bases completas do Desfile-concurso e o modelo de solicitude pódense consultar en tui.gal.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario