24 de xan. de 2024

PONTEVEDRA

O curso Tirando do Fío fará un percorrido pola historia da indumentaria a través da arte desde o antigo Exipto á Revolución francesa 

 Carolina Munáiz impartirá este curso no Museo de Pontevedra, que se pon en marcha o 31 de xaneiro e se desenvolverá todos os mércores ata o 17 de abril


Foto: D.PO.

Infogauda / Pontevedra

 O Museo de Pontevedra organiza un curso sobre a historia da indumentaria a través da arte, que se desenvolverá en dez sesións, os mércores a partir do 31 de xaneiro. Tirando do Fío será impartido por Carolina Munáiz, que dedicará cada sesión a un momento histórico diferente, e percorrerá así o antigo Exipto, Grecia, Roma, Bizancio, a Idade Media, o Renacemento e o Barroco ata chegar á Revolución francesa. O curso terá lugar os mércores de 19:00 a 20:30 horas no Edificio Castelao, con entrada libre. As persoas que queiran obter un certificado de asistencia deberán inscribirse previamente en reservas.museo@depo.gal e asistir como mínimo ao 70 % das sesións.  

 A profesora, Carolina Munáiz, explica que “o curso aborda unha aproximación aos cambios históricos substanciais e o seu reflexo nas siluetas, pezas e complementos icónicos de cada período cultural”, deténdose en aspectos como “a simboloxía cromática do téxtil, o influente ámbito militar no traxe civil, a convivencia e separación de criterio masculino e feminino, o percorrido das artificiosas pezas interiores ou a propaganda de poder da casa de Austria e da Coroa francesa”.  

 As primeiras catro sesións do curso aproximaranse ás antigas civilizacións mediterráneas: a cultura téxtil do antigo Exipto, a adecuación das pezas na Grecia clásica e a consecuente expresión de poder mediante a aparencia en Roma e en Bizancio. Nas xornadas dedicadas á Idade Media expoñerase a relevancia que cobra o traxe como expoñente social nas monarquías medievais e como, cara ao século XIII, se aprecia un punto de inflexión: a desmaterialización das pezas e, por conseguinte, a revelación do corpo. O gusto ascendente pola verticalidade terá connotacións na esvelta silueta propia do gótico pleno.  

 O curso afondará despois na indumentaria no Renacemento, con valores máis terreais, na que prima a liña horizontal á par dun espírito materialista que se traducirá en ostentación e luxo na clase podente. No Barroco, a teatralidade e a extraversión serán aliadas da imaxe en tempos de absolutismos, aínda cando a corte española conseguía manter fama de carismática austeridade. En rumbo contrario á paulatina depuración da silueta do home, os valores preciosistas e de artificio asumidos pola elite feminina europea vivirán o seu esplendor no Versalles do XVIII, mais serán abruptamente rexeitados tras a sobrevinda Revolución francesa.  

 Carolina Munáiz é docente na Escola Superior de Deseño de Moda Formarte da Coruña, titulada en Ilustración pola EASD Pablo Picasso e con formación de primeiro ciclo da Escola de Cantería de Pontevedra. É profesora das materias de Historia da Indumentaria e de Historia da Arte e da Moda do Século XX. Compaxina o labor docente coa súa traxectoria como pintora.  

Programa completo  

31 de xaneiro. O antigo Exipto. 

7 de febreiro. Da Grecia prehelénica á Grecia clásica. 

21 de febreiro. Indumentaria do imperio: Roma. 

28 de febreiro. O luxo bizantino e o medievo europeo. 

6 de marzo. O traxe na Baixa Idade Media. 

13 de marzo. Do gótico internacional ao Renacemento. 

20 de marzo. O boato renacentista. 

3 de abril. A cultura do Barroco. 

10 de abril. A moda rococó. 

17 de abril. Desenlace revolucionario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario