19 de xan. de 2024

O ROSAL

O Rosal continúa avanzando na recuperación do espazo público  

 O Concello capta 50.000 euros da Deputación de Pontevedra para a redacción de catro novos proxectos    


Contorna da igrexa de San Bartolomeu, nas Eiras
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal 

 O Concello do Rosal mantén o seu firme compromiso coa mellora e recuperación do espazo público para as persoas, “consolidando O Rosal como unha contorna accesible, amable con lugares de encontro, lecer e estancia en cada barrio e parroquia do municipio”, como explica a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís. Neste camiño, o Goberno municipal vén de captar 50.000 euros da Deputación de Pontevedra destinados aos concellos da Rede Ágora para a redacción de catro novos proxectos de recuperación de espazos. 

 O Concello obtivo máis de 17.500 euros á redacción do proxecto de recuperación da contorna da igrexa de San Bartolomeu, nas Eiras, un lugar de gran valor patrimonial, natural e paisaxístico, xa que se atopa ao carón do monte da Madalena. Con esta iniciativa remodelaranse de forma integral os espazos da contorna da igrexa, mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas da zona e consolidando este espazo como lugar de estancia, lecer e convivencia. Este proxecto dá continuidade ás obras de transformación e mellora da accesibilidade da contorna da igrexa realizadas xa o pasado ano, “dando novos pasos para facer do Rosal un municipio acolledor no que a veciñanza poida atoparse, compartir experiencias e desfrutar da contorna”. 

 Destinaranse tamén máis de 18.000 euros para a redacción do proxecto de recuperación do espazo e de mellora urbana e das redes da contorna de Fucheiros – A Lomba, que contou cun proceso participativo inicial, celebrado o ano pasado para recoller as suxestións e necesidades detectadas pola veciñanza. O proxecto aborda a recuperación de dous camiños que permitirá estender o centro urbano cara a unha zona densamente poboada e atender a mellora precisa de todas as redes de subministro. A súa proximidade ao centro, a zonas de paseo como a contorna das Baladas ou cara ao CPI Manuel Suárez Marquier, converten o lugar en zona de especial interese. 

 Cun financiamento de 11.000 euros procederase á redacción do proxecto de recuperación do espazo e mellora da calidade urbana na Praza do Calán, en San Xián. A iniciativa, que contou cun proceso participativo inicial para incorporar as ideas e suxestións dos veciños e veciñas da zona, abordará a recuperación do espazo central  do núcleo de San Xián. Por outra banda, destinaranse os 8.500 euros da subvención provincial á redacción do proxecto de recuperación da contorna do Xogo, en Pancenteo. O Concello tamén realizou un proceso de participación veciñal inicial para esta iniciativa que abordará a mellora de dous camiños interiores e estreitos desta parroquia e o lugar do encontro do Xogo. 

 “Dende o Goberno municipal seguimos traballando para a transformación integral dos nosos espazos, buscando dar sempre prioridade ás persoas, xerando lugares de calidade máis seguros, con mobiliario urbano que xere pequenas zonas de lecer e convivencia nas que seguir desfrutando do noso concello e compartindo experiencias vitais”, destaca a alcaldesa.

Ningún comentario:

Publicar un comentario