12 de xan. de 2024

DEPORTES

BALONMÁN FEMININO

O Mecalia Atlético Guardés recibirá ao Bera Bera en busca de manter a súa boa serie 

 Este sábado 13 de xaneiro (20:00 horas), no pavillón municipal A Sangriña, o conxunto do Baixo Miño tratará de lograr a súa cuarta vitoria consecutiva en Liga ante o Bera Bera 

 O equipo vasco acumula unha única derrota no que vai de competición 

 Cristina Cabeza: “Cada erro pódenos prexudicar un 200%” 




Redacción Deportes / A Guarda

 O Mecalia Atlético Guardés comeza o 2024 enfrontándose ao Super Amara Bera Bera, este sábado 13 de xaneiro, ás 20:00 horas, no pavillón municipal A Sangriña, na décimo cuarta xornada da liga Guerreiras Iberdrola.  

 O conxunto galego chega ao partido na sexta praza da competición, con 16 puntos. No seu último encontro, o Mecalia Atlético Guardés conseguiu un cómodo triunfo no seu desprazamento a Xixón, no duelo contra o Motive.Co (22-31). As xogadoras de Cristina Cabeza suman tres vitorias consecutivas no seu últimos tres enfrontamentos ligueiros e, este sábado, teñen a oportunidade de lograr o seu maior refacho de vitorias sucesivas na competición doméstica esta tempada.  

 Pola súa banda, o equipo vasco ocupa a segunda posición da táboa, a tan só dous puntos do liderado. Unha hipotética vitoria serviríalle para empatar a 24 puntos co Málaga, que xa disputou o seu partido esta xornada. O conxunto dirixido por Imanol Álvarez é o conxunto con menos derrotas no campionato, só una ante o Málaga, e chega á Guarda tras lograr unha contundente vitoria fronte a Elda (39-21).  

 Medirse ante un dos equipos líderes da competición é, sen dúbida, todo un reto. Ambos os conxuntos xa se viron as caras dúas veces este curso: unha, na final da Summer Bag Experience 2023; e outra, na primeira volta de liga. Nas dúas ocasións o triunfo decantouse ao lado vasco. Con todo, o club do Baixo Minño xoga en casa, onde demostrou nos últimos encontros unha gran capacidade para arrebatarlle a vitoria a grandes rivais. Para este partido, a adestradora local poderá contar con todo o persoal salvo as baixas xa coñecidas (Nerea Solares e Júlia Nuez).  

Cristina Cabeza: “Cada erro pódenos prexudicar un 200%” 

 A adestradora Cristina Cabeza explica que o equipo “chega á partida fronte ao Bera Bera en moi boas condicións”, en referencia ás súas dúas vitorias nos dous primeiros partidos da segunda volta. Así mesmo, móstrase conforme co rendemento das súas xogadoras e engade que “esta semana o equipo adestrou a un nivel espectacular”.  

 Con todo, o rival do conxunto galego será moi esixente, e a técnica dá mostra diso: “Somos conscientes de que é un rival complicado, practicamente teñen dous equipos nun e impoñen un ritmo de partido moi alto”.  

 Ao seu xuízo, as claves do partido pasan por “facer un xogo moi seguro e non cometer moitos erros”. Cabeza destaca a velocidade de xogo e a calidade do Bera Bera, salientando que “cada erro pódenos prexudicar un 200%”, e alude á necesidade de “estar moi activas en defensivamente para tentar frear os seus inicios de ataque”.  

 Deste xeito, prevé “un partido moi disputado durante os 60 minutos”, polo que ve crucial “chegar con opcións ao final para poder conseguir a vitoria”.  

AXENDA  

Liga Guerreiras Iberdrola 

Partido da xornada 14 

Mecalia Atlético Guardés – Super Amara Bera Bera 

Sábado, 13 de xaneiro, ás 20:00 horas 

Pavillón municipal da Sangriña 

En directo pola canle de YouTube do Mecalia Atlético Guardés. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario