8 de mar. de 2023

VIGO

Rosa Graña, premio Uviguala 2023: “Necesitamos unha revolución, unha transformación radical que acabe coas desigualdades” 

 Vigo acolle a entrega deste galardón á xefa de Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos  

 O reitor fixo un chamamento á unidade do feminismo, “porque xuntas somos máis fortes” 


O reitor xunto coa galardoada co Uviguala 2023, Rosa Graña


DUVI / Vigo 

 “Necesitamos unha revolución, unha transformación radical que acabe coas desigualdades, coa violencia, coa inxustiza e coa precariedade. A revolución que necesitamos é o feminismo”. Con esta reivindicación recolleu hoxe mércores o Premio Uviguala 2023 Rosa Graña, xefa do Servizo de Axudas ao Estudo, Bolsas e Prezos Públicos. A entrega desta distinción, que recoñece o compromiso das e dos membros da comunidade universitaria coa igualdade, foi o eixo central das actividades que organizou a Universidade de Vigo para conmemorar o Día Internacional da Muller. 

 No acto, que se celebrou no edificio Miralles, o reitor, Manuel Reigosa, felicitou á galardoada, “unha persoa que traballa 24 horas ao día, sete días á semana, 365 días ao ano, pola igualdade”.  Na súa intervención, o reitor recoñeceu que aínda queda camiño por andar para acadar unha “sociedade xusta e igualitaria”, porque “os datos amosan que, incluso nunha Universidade que se preza de ser igualitaria, que se manifesta feminista e que no seu Plan Estratéxico ten a igualdade como eixo fundamental, aínda non somos igualitarios”. Reigosa tamén recoñeceu sentir “unha mestura incómoda, entre a ledicia e o desazo” pola falta de unión do feminismo neste 8M. “Esta marea de cor e enerxía, esta auténtica revolución que se vén anunciando dende hai tempo está fracturada”, recalcaba, e cómpre “aparcar as diferenzas e traballar na busca dese mundo mellor no que todas as persoas teñan as mesmas oportunidades”. Para iso solicitou “a todas e todos unidade de pensamento e de acción, hai que debater moito, tomar acordos e seguir xuntas, porque xuntas somos máis fortes”.   

 A directora da Unidade de Igualdade, Águeda Gómez, foi a encargada de ler a acta da Comisión de Igualdade que acordou por unanimidade concederlle esta distinción a Rosa Graña, por ser, entre outros méritos, “un exemplo da xestión con perspectiva de xénero, no traballo de administración e de servizos da nosa universidade; de compromiso profesional e institucional co alumnado máis desfavorecido ou vulnerable; por ser unha icona dentro da UVigo como referente de que a transversalidade de xénero na xestión administrativa e de servizos na nosa comunidade universitaria, loitando por evitar as situación de violencia machista institucional ou por traballar para converter a nosa Universidade nun lugar acolledor e seguro, que promove a convivencia e o respecto durante o proceso de aprendizaxe e madurez do noso alumnado, co fin de contribuír activamente á construción dunha sociedade máis humana, xusta e igualitaria”. 

Un discurso reivindicativo centrado na situación das mulleres do PAS 

 Tras recoller o premio de mans do reitor, Rosa Graña pronunciou un sentido discurso no que fixo unha firme defensa do feminismo e da loita contra o patriarcado. Arrancou a súa intervención lembrando a figura da súa nai, unha muller nada en 1929 que saíu da escola aos 12 anos, “modista desde os 18, mestra de modistas e que sempre lle dicía: ‘filla non dependas nunca dun home’”. Xunto a ela recordou tamén as súas tías, “mulleres decididas e independentes”, unha historia familiar que a marcou, que fixo que non tivera que inventarse como feminista, senón simplemente seguir o seu legado. “Recibir un premio o 8 de marzo, data con tanto significado histórico e social, resulta, ademais de emocionante, alentador, nada nos vai parar”, recalcou Graña, quen agradeceu o premio á Unidade de Igualdade, a Natalia Caparrini e a Maribel Doval, “as vicerreitoras coas que xestiono a maior parte das axudas e subvencións”, e ao resto das persoas coas que deseña as convocatorias das diferentes axudas e subvencións. 


O acto institucional da UVigo co gallo do 8M celebrouse no edificio Miralles

 O de Graña foi un discurso reivindicativo no que, “tras 36 anos na UVigo”, fixo partícipe do premio a todo o seu equipo “polo seu compromiso e dedicación, porque sen elas e eles as múltiples ideas que bulen pola miña cabeza non terían visibilidade, impacto, realidade... son as auténticas artífices da actividade que hoxe estades a premiar”. Nesta liña, salientou o feito de que “nove delas forman parte do colectivo de máis de cen persoas que é o máis precarizado da nosa institución e cuxo perfil é o dunha muller de 45 anos, funcionaria interina, temporal, administrativa base, nove anos traballando na UVigo e, en moitos casos, cunha gran mobilidade de posto en posto sen ningunha opción durante anos de estabilizarse, sen poder participar en concursos nin en promocións internas coa súa vida profesional conxelada durante anos co impacto que isto ten na brecha salarial que sofren e nas súas futuras pensións de xubilación”. Salientou na súa argumentación que as “frías estatísticas” ás veces poden levar a pensar que as mulleres que traballan como Persoal de Administración e Servizos na UVigo están nunha situación favorable, pero, neste sentido lembrou o Informe de Igualdade 2022, no que se reflicte que existe segregación vertical, con menor presenza de mulleres no grupo máis alto da escala da administración, e tamén segregación horizontal, segundo os campos profesionais, con sectores feminizados como administración e bibliotecas e outros con escasa presenza de mulleres como informática, e no que tamén se pon sobre a mesa a sobrecualificación profesional, cun 94% das mulleres dos grupos inferiores posuíndo un título universitario. Para loitar contra esta situación demandou medidas que permitan que as mulleres cheguen en igualdade de condicións aos procesos selectivos, que se organicen en xornada laboral cursos de formación para os procesos selectivos, que haxa procesos de acceso de promoción interna e de concurso con menor distancia temporal entre eles, “que nos permitan ter unha auténtica carreira profesional”. 

 Referiuse tamén do alumnado, salientando que os estudos realizados acerca dos factores determinantes á hora de elixir titulación universitaria indican que existe un nesgo de xénero en función do grao de dificultade percibido. Este nesgo vese reforzado, segundo indicou Graña, nas alumnas que proveñen de familias con dificultades económicas, por outro factor de carácter socioeconómico,  “elas non se poden permitir fracasar”, pois isto suporía a conseguinte perda da bolsa e tamén dificultades para asumir o incremento de prezo de materias repetidas, polo que optan por estudos nos que perciben que o éxito está máis garantido. “Necesitamos mudar estas realidades, debemos deseñar as nosas estratexias e políticas de subvencións con perspectivas de xénero”, salientou a premiada, ao tempo que reclamou que “ao mesmo ritmo que cambian as xeracións que chegan ás aulas”, deben mudarse as liñas de actuación. “A revolución que necesitamos é o feminismo, acabemos co patriarcado”, concluíu Graña.

Manifesto do alumnado 

 No transcurso do acto, que foi conducido pola vicerreitora de Comunicación e Relacións Institucionais, Mónica Valderrama, e que contou coa intervención artística de Iseo a Moura, tamén houbo protagonismo do alumnado. Dúas alumnas, Lara e Rosalía, en representación de AUCE-Asociación Universitaria de Ciencias da Educación, que deron lectura a un manifesto no que lembraron que “como feministas, formamos parte dun movemento que cuestiona roles de xénero que afectan a todas as persoas, dunha protesta que busca acabar coa representación da muller como un obxecto sexual estereotipado, dunha reivindicación da diversidade de mulleres e corpos que discute os canons de beleza. Pertencemos a unha rebelión que cambia os modelos relacionais de parella e de familia. Formamos unha rede, unha rede formada polo 50% da poboación”. 

Actividades en facultades, escolas e centros de investigación ao longo do día e da semana 

 Varios centros do campus de Vigo tamén se sumaron á celebración do 8M. Por exemplo, a Facultade de Ciencias Económicas e Empresariais acolleu esta mañá a actuación dun dúo de jazz formado por Carmen Rosende Pereira (voz) e Alberto Sánchez Caseiro (piano) e pola tarde un dabate sobre o teito de cristal e fenda salarial, organizado polo alumnado e coa participación das docentes Coral del Río Otero e Sonia M. Rodríguez Parada. 

 Tamén a Facultade de Ciencias Xurídicas e do Traballo se sumou á celebración, neste caso, co ciclo 8M: Curtametraxes en feminino, que comprende a proxección esta tarde de cinco curtas: Anatomía dunha serea, de Adriana Páramo Pérez; Conversa cunha muller morta, de Sonia Méndez; Cosas de chicos, de Aldara Filgueiras; Rural es feminista, de Sara Brun Moreno e Xavi Berraondo Cavallé e Feminazi, de Diana López Varela. A EE Minas e Enerxía tamén apostou polo cine para esta conmemoración e puxo en marcha a terceira edición do ciclo (In)visibilidade das mulleres STEAM , que se celebra no museo Marco aberto a toda a cidadanía e que arrancou onte martes coa proxección de La costilla de Adan. A seguinte cita será o vindeiro martes, 14 de marzo, con El círculo. Xa no mes de maio será a quenda de dous documentais, o día 2 con Rafea: solar mama e a última sesión o martes 9 de maio con Picture a scientist. 

 Pola súa banda, as delegacións de alumnado das escolas de enxeñaría do campus de Vigo organizaron unha chocolatada solidaria na EE de Minas e Enerxía, cuxos beneficios serán doados á asociación MUM-Mujeres Unidas contra el Maltrato.

 Tamén esta tarde, no marco de Athena- Advanced Technology Higher Education Network Alliance- celébrase unha mesa redonda en liña sobre os retos profesionais aos que se enfrontan as mulleres e as posibles estratexias para superalos. O debate conta coa participación das vicerreitoras Belén Rubio e Maribel Del Pozo. 

 A Biblioteca Central tamén quixo unirse á celebración coa organización dunha mostra bibliográfica sobre pintoras que se poderá visitar dende esta tarde e ata o mes de abril. 

 Outro centro que se une á programación é o Cintecx, que o vindeiro venres ás 11.00 horas acollerá unha mesa redonda con mulleres profesionais para debater sobre as perspectivas da muller en diversos ámbitos da enxeñaría e a necesidade de realizar accións de fomento de vocacións nas nenas.

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

A COMUNIDADE DE MONTES VECIÑAIS EN MAN COMUN DE CAMPOSANCOS CELEBRARÁ XUNTA XERAL 

 Será o sábado día 11 de marzo de 2023, ás 15:00 horas, en 1ª convocatoría, e ás 17:00 horas, en 2ª, e terá carácter ordinario.



Bandeira da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos


Infogauda / Camposancos

 A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, vai celebrar na súa sede social, sita en rúa Outeiro, nº 40 (Camposancos), xunta xeral ordinaria. Será o vindeiro sábado día 11 de marzo, ás 15:00 horas, en primeira convocatoria, e ás 17:00 horas, en segunda. 

 Os asuntos a tratar na orde do día son os seguintes:    

Punto 1,- Aprobación si procede da acta anterior.    

Punto 2,- Estado económico, presuposto.          

Punto 3,- Admisión e baixas veciños comuneros.    

Punto 4,- Autorizar a xunta teirtora a poder solicitar subvencións.           

Punto 5, - Convenio con Fenosa.           

Punto 6, - Padroado municipal monte Trega.          

Punto 7, - Proxectos.                   

Punto 8, - Traballos realizados.           

Punto 9, - Rogos e preguntas.  

A GUARDA

O concello de A Guarda mellora o equipamento para a recollida de lixo  

Ao incorporar un novo vehículo para esa finalidade e mellorar a súa eficacia e seguridade.  


O alcalde, a tenente alcalde e o concelleiro de Servizos á Cidadanía, con persoal municipal e representantes da empresa subministradora do vehículo

Foto: C.A.G.

Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda ten entre outros obxectivos, o de mellorar e facer máis eficiente o funcionamento do sistema de recollida separada de residuos. Nesta liña, a vista da antigüidade da frota de camións de recollida de lixo, o concello comezou a súa renovación coa adquisición dun novo vehículo, cuxa compra foi financiada con fondos propios do concello guardés.

 Este novo camión ten unha capacidade de carga de 2.300 Kg, cun incremento dun 42%, en comparación co camión antigo, ademais de contar cun sistema de compactación mais potente o que nos da como resultado un importante aumento na eficiencia do servizo.  

 O seu menor volume permite que sexa máis manexable, sobre todo nas rúas máis estreitas. Co aumento da carga conséguese diminuír as viaxes a planta de transferencia o que representa  un aforro económico e un aumento da produtividade do servizo ao reducir os tempos mortos.  

 Con este novo vehículo hai tamén unha importante mellora na seguridade dos traballadores xa que durante a recollida poden desprazarse dentro da cabina. 

 O equipo de goberno segue traballando na renovación e modernización dos servizos municipais co obxecto de responder mellor as demandas dos veciños e veciñas.

A GUARDA

“EspecializAcción”, accións formativas para negocios locais   

Trátase dun total de 5 obradoiros destinados a contribuír a que hostalaría e negocios locais adquiran formación en áreas específicas. 

 


Infogauda / A Guarda

 O Concello de A Guarda, a través da concellaría de Desenvolvemento Local vai iniciar neste mes de marzo unha oferta de accións formativas gratuítas dirixidas comercio, hostalería e empresas da vila.  

 “Despois de realizarse unha enquisa entre o tecido empresarial, na que se propuxeron un total de 16 obradoiros a elixir e diferentes horarios para a súa realización, seleccionáronse un total de 5 obradoiros, que foron os que espertaron maior interese polos diferentes profesionais do comercio, hostalería e empresas da vila, mesmo engadindo algunha demanda que non estaba no listado inicial, dixo Fátima Rodríguez Marcos, concelleira de Formación e Desenvolvemento Local, de A Guarda.  

 Estes obradoiros están enmarcados na campaña de apoio a o comercio e hostalaría local, iniciada xa no ano 2021 e que, nesta primeira parte de ano 2023, inclúen un total de 5 obradoiros.  

 As accións formativas de “EspecializAcción” comezarán na xornada do 14 de marzo en horario de 17:30 a 19:30h, co obradoiro de barista básico, que terá lugar en Xorxios - onde estivo o restaurante Barbela -, na estrada Costa dos Soldados (Camposancos), e será impartido por Csaba Bóka, monitor profesional de baristas e participante en campionatos do mundo. 

 O segundo obradoiro, de decoración de cafés, realizarase na xornada do 21 de marzo en horario de 17:30 a 19:30h, e tamén será impartido por Csaba Bóka, en Xorxios, Camposancos.  

 Na xornada do 28 de marzo en horario de 20:30 a 22:30h a Casa dos Alonso acollerá o obradoiro de empaquetado creativo de regalos, impartido por Noelia e Ramón, da papelería artesanal Papelier, de Baiona.  

 O penúltimo obradoiro de “EspecializAcción” chegará á Casa dos Alonso o 11 de abril en horario de 20:30 a 22:30h da man de Jorge Alonso Daldea, que tratará sobre publicidade en Facebook e Instagram.  

 Xa para rematar as primeiras accións formativas de “EspecializAcción” desta primeira parte do ano 2023, na xornada do 18 de abril en horario de 20:30 a 22:30h, terá lugar na Casa dos Alonso o obradoiro de posicionamento SEO para páxinas web e tendas en liña, impartido por Jorge Alonso Daldea.  

 Estes obradoiros teñen unha duración aproximada de dúas horas e é preciso unha inscrición previa chamando ao 986 610 000 ou remitindo un correo electrónico a conserje@aguarda.es. 

 As prazas son limitadas a 10 persoas para os obradoiros de barista básico e decoración de cafés, E a 15 persoas para os de empaquetado de regalos creativo, publicidade en Facebook e Instagram e e optimización e posicionamento en buscadores. 

 As inscricións estarán abertas ata dous días antes de cada acción formativa ou ben ata completar o aforo.

O ROSAL

O Rosal conmemora o 8M revolucionando mentes


A alcaldesa, Ánxela Fernández - no centro da imaxe - coa concelleira de Igualdade, Sara Vicente e a artista Gemma Marqués  cos nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier e persoas da Asociación Avelaíña
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Rosal revoluciona mentes, hoxe e os 365 días do ano. Ao abeiro do 8M, Día Internacional da Muller, o Concello puxo en marcha varias iniciativas para visibilizar ante a veciñanza a importancia de acadar a igualdade real, tamén entre os máis pequenos e pequenas.  

 Xunto á lectura dun manifesto co gallo deste día, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e a concelleira de Igualdade, Sara Vicente Salcidos, inauguraron xunto a Gemma Marqués Redondo o mural realizado por esta artista, unha pintura inspirada nas mulleres creadoras do pasado e do presente para ollar cara ao futuro. Na obra aparecen representadas a pintora galega Maruja Mallo, a escritora africana Chimamanda Gnozie, a música inglesa Delia Derbyshire e a artista plástica xaponesa Yayoi Kusama. O mural, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, busca desenvolver un discurso feminista poñendo en valor o patrimonio inmaterial e o legado de mulleres creadoras que sirvan de exemplo e inspiración para as novas xeracións.  


A alcaldesa e a concelleira de Igualdade, inauguraron xunto a Gemma Marqués Redondo o mural realizado por esta artista, unha pintura inspirada nas mulleres creadoras do pasado e do presente para ollar cara ao futuro
A Casa do Concello do Rosal iluminada coa cor morada conmemoariva do 8M
Simbólicas flores moradas feitas polos escolares do CPI Manuel Suárez

 O Rosal conmemorou o 8M tamén cunha cadea humana pola igualdade, un acto aberto á veciñanza no que participaron case 200 nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier e persoas da Asociación Avelaíña. A xornada rematou coa plantación de simbólicas flores moradas.  

 Ademais, como é habitual nestas datas, a Casa do Concello e a Cámara Agraria iluminaranse de morado para reivindicar o papel das mulleres na sociedade.

OIA

A Xunta de Galicia avanza na colaboración co concello de Oia coa redacción do proxecto construtivo para a mellora do sistema de saneamento de Pedornes  

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, mantivo unha reunión coa rexedora, Cristina Correa 

 Augas de Galicia está a ultimar o estudo previo de alternativas para a mellora da depuración na franxa costeira do municipio pontevedrés, cun investimento de 17.400 €


A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, nun recente encontro coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa
Foto: X.G.

Infogauda / Oia

 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, trasladou nun recente encontro coa alcaldesa de Oia, Cristina Correa, que a Xunta avanza na colaboración co Concello coa redacción do proxecto construtivo para a mellora do sistema de saneamento de Pedornes.

 A entidade hidráulica da Xunta, Augas de Galicia, está a ultimar o estudo previo de alternativas para a mellora da depuración na franxa costeira do municipio pontevedrés, cun investimento de 17.400 euros.

 Deste xeito, durante o encontro mantido coa responsable municipal, Vázquez Mourelle confirmoulle que sobre a base dese estudo previo, a alternativa que se considera máis acaída para a mellora do saneamento do municipio propón a redución dos bombeos existentes, a excepción do de Matogueira Lanuxe, situado ao sur da depuradora de Pedornes, para o que se deseña un tanque de tormentas de 16 m³.

 O conxunto das actuacións previstas na alternativa elixida están dimensionadas para atender as necesidades dunha poboación de 8.037 habitantes no ano 2047.

 Con todo, o ambicioso plan de actuacións propostas anticipan a necesidade de acometer as distintas intervencións por fases.

 Tal e como confirmou a titular de Infraestruturas e Mobilidade no encontro, comezarase polo proxecto correspondente para substituír a depuradora de tipo SMA de Pedornes, no que se contemplará tamén a mellora do bombeo que está a carón da praia de Mosteiro e a posibilidade de incluír tanque para o baleirado de fosas.

 A rede actual de saneamento ten 3 estacións depuradoras de augas residuais compactas tipo SMA, que son infraestruturas de carácter modular que actualmente sofren forte aportación de pluviais que provocan verteduras.

 Ao tempo que se avanza na redacción do proxecto construtivo da depuradora de Pedornes, a Xunta e o Concello de Oia traballarán de modo paralelo no convenio de colaboración para impulsar as actuacións recollidas no estudo de alternativas e na solución elixida, que se desenvolverán por fases, ademais de avanzando no estudo das alternativas para o saneamento interior.

OIA

Aditamentos  21   

Considerações paisagistas em Oia 


 Mais uma valência jacobeia no 'Caminho Minhoto Ribeiro' em Anllo- Santo Amaro

Encontros  Poliorcéticos / Oia     

 Cástor  Pérez  Casal,  postulante  do  'Camiño  Xacobeu  Miñoto  Ribeiro'  tem  dito: 

Críticas  ao  BENEFÍCIO  TURÍSTICO  de  uns  concelhos,  aliás  dispostos  geograficamente  em  catadupa  até  Vigo.  Subordinação  económica  relativamente  a  poderes  privados  e  criação  de  clientelas  políticas  locais. 

Consideração  das  pegadas  viárias  deste  velho  caminho  (carreiros,  calçadas  romanas,  caminhos  medievais, castros  e  povoamentos  pré-históricos,  assentamentos  megalíticos,  túmulos  sepulcrais). 

'Caminho  Jacobeu  Minhoto  Ribeiro'  faz  entroncamento  com  a  Via  da  Prata  na  'Porta  de  Maçarelos',  em  Santiago. 

Importância  do  vinho  do  Ribeiro  desde  o  ponto  de  vista  cultural,  caste  bem  mais  integrada  que  a  'Denominação  de  Origem  Rias  Baixas',  esparsa  num  território  extenso  demais. 

Oportuna  definição  do  peregrino-turista:  TURIGRINO. Peregrino  ativo,  Turista  passivo. 

Paulo  Abreu,  Deão  da  Sé  de  Braga,  dizia:  'Este  não  é  um  caminho  mais,  também  não  um  caminho  de  'turigrinos'  criado  sem  base  histórica  alguma  e  com  fins  exclusivamente  particulares  e  comerciais'. 

Outros  autores  incidem  nesta  temática,  como  Manuel  Vázquez  de  la  Cruz,  definindo  as  pontes  de  Orbenlle  e  Febres  como  as  'Puentes  de  Madison'  e  criticando  de  passagem  os  caminhos  inventados. 

Logo  após  vários  anos  de  investigações  de  especialistas  na  matéria  através  da  análise  de  referências  documentais,  históricas,  arqueológicas,  toponímicas,  cartográficas,  hoje  em  dia  este  'Caminho Minhoto  Ribeiro'  finaliza  com  o  reconhecimento  oficial  da  parte  dos  Arcebispados  de  Braga  e  Compostela  como  Jacobeu.  Junto  do  Caminho  catalogaram-se  230  bens  patrimoniais,  sem  contar  os  de  núcleos  como  'Pazos  de  Arenteiro'  em  Boborás,  que  permitiriam  ultrapassar  os  300  bens.  Os  hospitais,  como  o  de  Condado,  em  Padrenda;  os  de  Rivadavia;  o  mosteiro  de  San  Clodio;  os  das  Encomendas  de  Beade  criam  assento  sobejo.  Relativamente  à  iconografia  jacobeia,  ela  está  presente  nas  imagens  do  Apóstolo  Santiago  (Capela  de  Bouza Drago,  em  Entrimo);  igreja  de  Santiago,  em  Rivadavia;  igreja  de  Banga,  em  O  Carballiño;  em  San  Lourenzo  de  Boborás  ou  nos  lugares  de  Lamela  e  Paredes. 

Convinha,  para  além  disso,  mencionar  uma  arquitetura  ligada  ao  vinho  do  Ribeiro,  as  adegas,  testemunha  de  uma  riqueza  ímpar  que  pouco  terá  a  ver  com  uma  impessoalidade  patente  no  falso  e  impróprio  'Camiño  Portugués  da  Costa',  no  Baixo  Minho.  A  verdadeira  PAISAGEM  CULTURAL  do  Ribeiro  rubrica  estas  considerações.   

OIA

Gerardo Rodríguez Refojos acude ao Parlamento de Galicia 

 Onde o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia reclamoulle á Xunta que aprobe a declaración de emerxencia polos danos provocados polos temporais do nadal 


Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, Gerardo Rodríguez Refojos e Mª Leticia Gallego Sanromán, no Parlamento de Galicia

Infogauda / Oia

 Na xornada deste mércores día 8 de marzo de 2023 o secretario xeral da Agrupación do PSdeG-PSOE de Oia e candidato á alcaldía, Gerardo Rodríguez Refojos, acudiu ao Parlamento de Galicia onde a vice-portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, reclamoulle á Xunta que aprobe a declaración de emerxencia de interese galego nos concellos afectados polas intensas chuvias, e temporal de vento e neve do pasado nadal e que deixaron un rosario de estragos en toda Galicia. Rodríguez Rumbo presentou unha pregunta oral no pleno do Parlamento para esixirlle á Xunta que aprobe un plan de axudas para os concellos.  

 A parlamentaria socialista lamentou que a única resposta do conselleiro de Presidencia fora amosarse “disposto a visitar aos concellos”, co que evidencia que “dous meses e medio despois, aínda non foi ver os danos, cando son da súa competencia”. Acusouno de “renunciar ás súas obrigas e pasar de largo sen darlle solucións a estes concellos”, evitando declarar a emerxencia de interese galego para atender os danos e aprobar un plan de axudas con orzamentos e medidas.  


Os danos na ruta xacobea do Camiño Portugués pola Costa son evidentes

 Matilde Begoña Rodríguez Rumbo lembrou que os temporais do nadal se saldaron con máis de 1.500 incidencias só nunha fin de semana, que incluían derrubamentos no monte Santa Trega e na praia do Forte (Camposancos), ademais de inundacións na Guarda, desperfectos no río Carballas e a senda do Miño, do Rosal, o afundimento de muros e camiños e a afectación á fortaleza de San Lourenzo, de Goián, en Tomiño.  

 Tamén se rexistraron desperfectos no paseo fluvial e o entorno do Camiño de Santiago e o casco histórico de Tui, estragos e danos en concellos como Arnoia, Baños de Molgas, Allariz ou Ribadavia, ademais da inundación da única estrada do Carballiño, que deixou incomunicado o pobo durante horas, o derrubamento de parte da Fonte de Troncoso, en Mondariz - Balneario, desperfectos en Ponteareas e diversos danos no concello de Oia.

TOMIÑO

Tomiño únese para reivindicar dereitos e igualdade  

 Co gallo do 8M, corporación municipal, representantes de colectivos e veciñanza leron unha declaración institucional conxunta na que reclamaban o fin de todas as brechas de xénero  


Persoas participantes nos actos conmemorativos do Día Internacional da Muller
Fotos: C.T.


Infogauda / Tomiño 

 Rexeitar e denunciar este 8 de marzo e todos os días do ano todas as formas de desigualdade, perda de dereitos e violencia contra as mulleres. Eses son os obxectivos cos que neste Día Internacional da Muller tomiñeses e tomiñesas se uniron na lectura dunha declaración institucional conxunta na que representantes da Corporación municipal, do departamento de Benestar Social, Policía local, Garda Civil, Protección Civil, acuBam, Adeto, ANPAS, praceiros e praceiras, comunidade educativa, Asociación Vontade e da Asociación de Mulleres Rurais de Tomiño reiteraron o seu firme compromiso “coa igualdade plena entre mulleres e homes como condición imprescindible para avanzar como sociedade”. 

 “Hoxe en día seguimos constatando grandes desigualdades, recoñecendo as de sempre e asumindo que cos novos tempos chegan novos retos e novas formas de discriminación que se suman ás tradicionais”, como recolle a declaración. Novos modelos de desigualdade que tamén se dan no eido da innovación e da tecnoloxía, polo que é imprescindible “reivindicar dereitos, analizar os efectos da brecha dixital de xénero no crecemento das desigualdades sociais e económicas e erradicala ou protexer e abordar a violencia de xénero facilitada polas novas tecnoloxías, que supoñen un atentado á liberdade e integridade e funcionan como sistema de expulsión das mulleres da contorna dixital”. 

 Dende as Nacións Unidas lembran que o desenvolvemento dunha educación dixital inclusiva e dunha tecnoloxía transformadora é fundamental para un futuro sostible. Non obstante, o 37% das mulleres non teñen acceso a este novo mundo dixital e o 85% sufriron ou foron testemuñas da violencia dixital contra outras mulleres. Todo isto nunha realidade na que se calcula que no 2050 o 75% dos traballos estarán relacionados coas áreas STEM, pero no que hoxe as mulleres apenas ocupan o 22% dos postos en intelixencia artificial. “É imprescindible incorporar ás mulleres e ás meniñas á revolución dixital en condicións de igualdade”, sinalaron. 

 Unha brecha tamén salarial contra a que hai que loitar na actualidade en todos os eidos, porque en Galicia en igualdade de condicións as mulleres cobran un 19,1% menos, por riba da media estatal. Como se recollía na declaración, “precisamos mudar a nosa mentalidade” e seguir loitando para que as mulleres deixen de ser cidadás de segunda e acadar unha sociedade “libre, xusta e democrática”.  

 Neste camiño, os grupos políticos do Concello de Tomiño comprometéronse tomar diferentes medidas para acadar unha igualdade plena, efectiva e real, como realizar campañas permanentes de concienciación social e sensibilización; traballar na visibilización e posta en valor do traballo das mulleres en todos os eidos; colaborar cos centros educativos na posta en marcha de campañas que afonden na coeducación; recoñecer as achegas de mulleres rurais no desenvolvemento social e económico, así como daquelas dos ámbitos das ciencias, a tecnoloxía e as matemáticas; promover a corresponsabilidade e a conciliación; organizar campañas formativas para mellorar a empregabilidade das mulleres e mellorar iniciativas municipais destinadas á mellora da prevención, detección e abordaxe da violencia de xénero.

VILA NOVA DE CERVEIRA

Cerveira homenageou “o trabalho diário e de imensurável competência” das Mulheres da área da Proteção Civil   

  

Dez mulheres que integram as diversas equipas afetas à Proteção Civil Distrital foram homenageadas, esta manhã, no Salão Nobre dos Paços do Concelhos de Vila Nova de Cerveira

Foto: C.M. V. de C.


Irene Pinheiro / Vila Nova de Cerveira

 Dez mulheres que integram as diversas equipas afetas à Proteção Civil Distrital foram homenageadas, esta manhã, no Salão Nobre dos Paços do Concelhos de Vila Nova de Cerveira. A iniciativa, que associou o Dia da Proteção Civil (1 de março) ao Dia Internacional da Mulher (8 de março), enquadra-se na Prova de Aptidão Profissional de três alunos do 12º ano do Curso Técnico de Comunicação e Serviço Digital, da Etap Cerveira, em estreita colaboração com o Comando Sub-Regional de Emergência e Proteção Civil do Alto Minho e com o apoio da Câmara Municipal.     

 O Presidente da Câmara Municipal de Vila Nova de Cerveira começou por felicitar esta ação, “uma espécie de três em um”, com a realização da PAP, o “privilégio de assistir a uma atividade cujo objetivo primordial é dar a conhecer à comunidade a importância e a função da Proteção Civil” e “admitir que ainda necessitamos de um Dia Internacional da Mulher para chamar a atenção do longo caminho que é preciso percorrer para que se atinja uma plena igualdade de género".    

 Rui Teixeira sublinhou que “a mulher desempenha um papel de destaque na área da Proteção Civil, inclusive, ao nível da decisão e do comando. Paulatinamente, as mulheres começam a impor-se na área da proteção civil, adquirindo formação, capacidade técnica, demonstrando que são um elemento válido e imprescindível para o maior e melhor desenvolvimento deste setor. Aqui fica a nossa homenagem, o nosso reconhecimento e a nossa firme admiração pelo trabalho diário e de imensurável competência das Mulheres da área da Proteção Civil e das Mulheres em geral”.    

 Durante a sessão solene, a representante dos alunos, Vitória Rodrigues, fez um enquadramento da iniciativa e dos objetivos resumidos ao lema “Todos somos Proteção Civil” , enquanto o Diretor da ETAP, José Luís Presa, enalteceu o exemplo do “conceito de escola virada para o exterior, através de uma atividade que sensibiliza os jovens para a Proteção Civil, e homenageia as mulheres que desempenham cargos que, durante séculos, eram atribuídos unicamente a homens”. Também presente nesta cerimónia simbólica, o Comandante Sub-regional de Emergência e Proteção Civil, Marco Domingues, elogiou “o interesse da comunidade escolar pela Proteção Civil”, referindo que “é necessário o envolvimento dos civis, pois todos estamos condenados ao entendimento pela Proteção Civil, em que um universo de fardas diferentes tem o mesmo objetivo comum, a salvaguarda de pessoas, bens e animais”.     

 Assim, com a entrega de uma placa alusiva à cerimónia, um diploma e um ramo de flores, foram homenageadas 10 mulheres em representação das suas colegas de trabalho na área que desempenham funções, nomeadamente na Autoridade Nacional de Emergência de Proteção Civil, nos Bombeiros Voluntários, nas Forças Armadas, na Guarda Nacional Republicana, na Polícia de Segurança Pública, Autoridade Nacional Marítima, Serviço de Estrangeiros e Fronteiras, Instituto Nacional de Emergência Médica, Cruz Vermelha Portuguesa, e Sapadores Florestais.     

 Além da sessão solene, o programa comemorativo do Dia da Proteção Civil associado ao Dia Internacional da Mulher contou ainda com um conjunto de atividades com demostração de meios dos diversos agentes de Proteção Civil, simulacro de acidente de viação, demonstração de utilização de extintores, Mass Training – Suporte Básico de Vida e demonstração cinotécnica. O objetivo principal é reunir os jovens e prezar pelo seu entretenimento e cidadania, para além disso, pretendemos sensibilizar os jovens para a importância da proteção civil na sociedade.

GALICIA

A Xunta de Galicia reitera o seu compromiso cos concellos afectados polas inundacións de Nadal e lembra a coordinación levada a cabo desde o 112 na atención das incidencias  

 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, explicou que o Goberno galego amosou a súa vontade de colaborar co Goberno central e as deputacións para visitar as zonas afectadas polos danos


O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, reiterou hoxe no Parlamento de Galicia o compromiso da Xunta cos concellos afectados polas inundacións rexistradas na comunidade en decembro de 2022 e xaneiro deste ano ofrecéndose a visitar as zonas afectadas polos danos e contestando a todas as cartas remitidas polos municipios, polo que reclamou a mesma implicación ao Goberno central e ás deputacións. Ademais, lembrou o traballo levado a cabo desde o Centro Integrado de Emerxencias (CIAE) 112 Galicia nas xornadas nas que se rexistraron as incidencias coa atención ás chamadas, a mobilización dos medios necesarios e a información á poboación das distintas alertas meteorolóxicas.

 Ante a posibilidade de activar a declaración do nivel de emerxencia galego, Diego Calvo aclarou que en ningún caso vai asociada coa aprobación de axudas polos danos ocasionados, xa que os seus efectos se limitan á dirección e xestión da emerxencia no momento no que esta se produce en casos extraordinarios nos que se precisan medios alleos aos da zona. Por tanto, “non tería sentido activala agora” e tampouco é un requisito necesario para optar a posibles subvencións.
 
 Nesta liña, lembrou que só se declarou este nivel de emerxencia para coordinar os distintos operativos no marco da loita contra a covid-19 que esixiron un elevado grao de coordinación entre os servizos de emerxencia e as forzas e corpos de seguridade. Outros niveis de menor categoría son as situacións do nivel 1, que se solucionan con recursos locais, ou de nivel 2, como as vagas de incendios de 2022 ou o accidente do Alvia de 2013 que precisan medios de toda a comunidade. Así, incidiu en que nas inundacións de decembro de 2022 e do pasado xaneiro nin sequera se activou o nivel 1. De feito, fronte a outros temporais como o ciclón Klaus de xaneiro de 2009, a borrasca de Nadal de 2013 ou a borrasca Fabien de decembro 2019, nos temporais do pasado Nadal rexistráronse unha media de 554 incidencias.
 
 Na súa intervención, o vicepresidente segundo apuntou que as inundacións de decembro de 2022 e xaneiro de 2023 non foron un fenómeno excepcional no que non procedeu adoptar medidas específicas por parte da Xunta. Deste xeito, corresponde a deputacións e concellos -aclarou- restablecer os servizos básicos sen prexuízo de que a Xunta o faga no marco das súas competencias nos bens e servizos da súa titularidade. Esas medidas tomadas polas distintas administracións para restablecer os servizos esenciais para a comunidade afectadas por unha catástrofe pódense levar a cabo -insistiu Diego Calvo- sen necesidade da declaración de emerxencia de interese galego.
 
 Por outra banda, explicou que os concellos afectados poden solicitar ao Goberno central a declaración de zona gravemente afectada por unha emerxencia de Protección Civil. Do mesmo xeito, engadiu que estes poden pedir as axudas do Ministerio do Interior dispoñibles todo o ano para atender necesidades derivadas de situacións de emerxencia.
 
 Canto á concesión de axudas, o vicepresidente segundo reclamou ao Goberno central a mesma implicación e axilidade que demostrou a Xunta na vaga de incendios do ano pasado ao ter a finais de 2022 xa todas a as axudas solicitadas pagadas.

MAR

A Xunta de Galicia acorda co sector a apertura nos vindeiros días de entre 20 e 25 quilómetros adicionais de costa para a extracción de mexilla 

 A decisión foi adoptada tomando como base as propostas remitidas nas últimas semanas por unha parte do sector bateeiro á Consellería do Mar


A Consellería do Mar acordou co sector a apertura nos vindeiros días de entre 20 e 25 quilómetros adicionais de costa á extracción de mexilla
Foto: X.G.

Infogauda / Santiago de Compostela

 A Consellería do Mar acordou co sector a apertura nos vindeiros días de entre 20 e 25 quilómetros adicionais de costa á extracción de mexilla -semente de mexillón- en bancos naturais para que os bateeiros poidan facer fronte á escaseza de cría rexistrada este ano.

 Esta medida -que foi analizada esta tarde polo director xeral de Pesca, Acuicultura e Innovación Tecnolóxica, Antonio Basanta, aos representantes das principais organizacións de produtores de mexillón de Galicia (Opmega, Amegrove e Socomgal)- foi adoptada tomando como base as propostas razoables e viables remitidas por estas entidades nas últimas semanas á Consellería do Mar.

 A previsión é que esta apertura de novas áreas de traballo sexa un feito xa a partir do luns e que se completará ao longo da semana para así dispor destas zonas no próximo período de baixamar e, por tanto, en condicións óptimas para a extracción da mexilla.

 Esta decisión é o resultado dos contactos mantidos nas últimas semanas con parte das entidades do sector mexilloeiro -que fixeron distintas propostas á Administración- e coas federacións de confrarías de pescadores, que mostraron a súa empatía e solidariedade coa difícil situación actual pola falta de recurso.  

 Precisamente, a Xunta agradece o talante e compromiso coa busca de acordos mantido desde o primeiro momento polas entidades participantes no encontro de hoxe e tamén a madurez mostrada polos representantes das confrarías ante un escenario que dificulta a campaña de produción do mexillón.

 A Consellería do Mar avanza así na vía do diálogo mantida desde o primeiro momento coa finalidade de que as decisións que se adopten sexan equilibradas cos intereses dos dous sectores implicados -os bateeiros e os percebeiros- garantindo ao mesmo tempo unha explotación sustentable dos recursos.

Medidas previas

 Esta estratexia permitiu que nas últimas semanas se adoptasen outras medidas para facer fronte á falta de cría como a posta a disposición do sector de máis de 130 quilómetros de costa -120 nos portos e arredor de 12 en zonas dependentes de cinco confrarías-, a ampliación do número e lonxitude das cordas colectoras que se instalan nas bateas de mexillón e a posibilidade de autorizar tamén as cordas colectoras en bateas de reparqueo ou de cultivos de ostra.

 A estas medidas para o curto prazo engádense outras para o medio e longo prazo como distintas investigacións -cun investimento de máis de dous millóns de euros- para avanzar no coñecemento da abundancia de mexilla no litoral de Galicia, na captación de semente por distintos medios e na produción en criadeiro.

 Este paquete de actuacións, tanto inmediatas como de longo percorrido, busca contribuír a atallar a actual escaseza de recurso e a reducir no futuro a dependencia do medio natural para a súa obtención. De feito, semella que a situación que se vive agora mesmo responde ao cambio no modelo produtivo do sector -que nos últimos anos elevou nun 50% a produción de mexillón pequeno-, o que fai que cada vez se requira máis cría para poder producir xusto cando o número de individuos en idade reprodutora é menor.   

PONTEAREAS

Ganomagoga comeza a presentar ERE extintivos para todo o persoal nas empresas do grupo, por causas económicas  

• A representación dos traballadores/as da compañía principal anunciou o inicio dunha campaña de mobilizacións e de xestións institucionais


Persoal do Grupo Ganomagoga, no exterior dun dos centros de traballo
Foto: CIG

Infogauda / Ponteareas

  O Grupo Ganomagoga, con centros de traballo en Ponteareas e Mos, comezou a presentar hoxe ERE extintivos nas distintas empresas, a excepción da principal, Construcciones Industriales Ganomagoga, algo que presumibelmente fará mañá. A compañía alega causas económicas, produtivas e organizativas para rescindirlle o contrato polo de agora aos arredor de 30 traballadores/as de Aplimega, aos 20 de Cedval e aos 8 de Logistic, mentres que os 130 de Ganomagoga coñecerán este xoves o seu futuro inmediato. Diante disto, o o comité de empresa anunciou a posta en marcha dunha campaña de mobilizacións e de xestións institucionais para intentar salvar os seus empregos.

 A representación dos traballadores/as da compañía principal anunciou o inicio dunha campaña de mobilizacións e de xestións institucionais, con centros de traballo en Ponteareas e Mos, comezou a presentar hoxe ERE extintivos nas distintas empresas, a excepción da principal, Construcciones Industriales Ganomagoga, algo que presumibelmente fará mañá. A compañía alega causas económicas, produtivas e organizativas para rescindirlle o contrato polo de agora aos arredor de 30 traballadores/as de Aplimega, aos 20 de Cedval e aos 8 de Logistic, mentres que os 130 de Ganomagoga coñecerán este xoves o seu futuro inmediato. Diante disto, o o comité de empresa anunciou a posta en marcha dunha campaña de mobilizacións e de xestións institucionais para intentar salvar os seus empregos. 

 Segundo explica o presidente do comité de Construcciones Industriales Ganomagoga, Xabier Pérez, da CIG, a empresa comunicou hoxe o inicio dos ERE ao resto das empresas do Grupo, algo que seguramente tería feito tamén coa principal, pero a xuntanza coa dirección prevista para esta mañá foi finalmente adiada para este xoves por distintos compromisos da representación sindical. Entre eles a presentación dunha denuncia diante da Inspección de Traballo, “poque a día de hoxe seguimos sen ter ningún tipo de información por escrito da situación económica da empresa, da débeda que ten, de se é viábel ou non, de se conta ou non con carga de traballo, xa que o que o pouco que sabemos é o que nos din verbalmente”. 

 O comité aproveitou tamén a xornada de hoxe para solicitar xuntanzas co Igape e co conselleiro de Industria para trasladarlles a posibilidade de que interveñan para garantir a viabilidade da empresa e o mantemento dos postos de traballo. “Despois fixemos asembleas en Ponteareas e en Mos, nas que acordamos convocar unha concentración na Xunta en Vigo para o día 15, que finalmente non imos levar a cabo porque esta mesma tarde recibimos unha citación da Consellaría de Industria para manter unha reunión ese mesmo día ás 9:30 horas en Santiago”, detalla Pérez. 

 O que si desenvolverán é unha concentración diante do Concello de Ponteareas o luns 13 ás 11:00, que aproveitarán para facer entrega dun manifesto solicitando o apoio dos grupos da corporación municipal. Ademais, para o xoves 16 teñen convocada tamén unha manifestación que sairá dende as instalacións da empresa ás 18:30 horas e que rematará diante do Concello. Paralelamente, solicitaron tamén un encontro con responsábeis da Subdelegación do Goberno en Pontevedra “para tratar de implicar ao máximo de institucións na defensa da empresa máis importante a nivel de emprego de Ponteareas”. 

 En canto ás débedas salariais que a empresa mantén co cadro de persoal, Pérez explica que a responsábel de recursos humanos confirmoulles que nos vindeiros días abonarán a parte do soldo de febreiro que estaba pendente e as pequenas cantidades que algúns traballadores/as non percibiran aínda por distintos problemas no cálculo das nóminas de xaneiro. Unha vez que estas débedas sexan liquidadas o cadro de persoal deixará saír dous tramos de torres eólicas para a empresa GRI Towers do Carballiño. Este foi outro dos acordos da asemblea de traballadores/as celebrada días atrás: ir pemitindo a saída de tramos a medida que empresa liquidaba as débedas pendentes. Así o fixeron con oito tramos unha vez que percibiron o salario de xaneiro e parte do de febreiro.