8 de mar. de 2023

OIA

Gerardo Rodríguez Refojos acude ao Parlamento de Galicia 

 Onde o Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia reclamoulle á Xunta que aprobe a declaración de emerxencia polos danos provocados polos temporais do nadal 


Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, Gerardo Rodríguez Refojos e Mª Leticia Gallego Sanromán, no Parlamento de Galicia

Infogauda / Oia

 Na xornada deste mércores día 8 de marzo de 2023 o secretario xeral da Agrupación do PSdeG-PSOE de Oia e candidato á alcaldía, Gerardo Rodríguez Refojos, acudiu ao Parlamento de Galicia onde a vice-portavoz do Grupo Parlamentario dos Socialistas de Galicia, Matilde Begoña Rodríguez Rumbo, reclamoulle á Xunta que aprobe a declaración de emerxencia de interese galego nos concellos afectados polas intensas chuvias, e temporal de vento e neve do pasado nadal e que deixaron un rosario de estragos en toda Galicia. Rodríguez Rumbo presentou unha pregunta oral no pleno do Parlamento para esixirlle á Xunta que aprobe un plan de axudas para os concellos.  

 A parlamentaria socialista lamentou que a única resposta do conselleiro de Presidencia fora amosarse “disposto a visitar aos concellos”, co que evidencia que “dous meses e medio despois, aínda non foi ver os danos, cando son da súa competencia”. Acusouno de “renunciar ás súas obrigas e pasar de largo sen darlle solucións a estes concellos”, evitando declarar a emerxencia de interese galego para atender os danos e aprobar un plan de axudas con orzamentos e medidas.  


Os danos na ruta xacobea do Camiño Portugués pola Costa son evidentes

 Matilde Begoña Rodríguez Rumbo lembrou que os temporais do nadal se saldaron con máis de 1.500 incidencias só nunha fin de semana, que incluían derrubamentos no monte Santa Trega e na praia do Forte (Camposancos), ademais de inundacións na Guarda, desperfectos no río Carballas e a senda do Miño, do Rosal, o afundimento de muros e camiños e a afectación á fortaleza de San Lourenzo, de Goián, en Tomiño.  

 Tamén se rexistraron desperfectos no paseo fluvial e o entorno do Camiño de Santiago e o casco histórico de Tui, estragos e danos en concellos como Arnoia, Baños de Molgas, Allariz ou Ribadavia, ademais da inundación da única estrada do Carballiño, que deixou incomunicado o pobo durante horas, o derrubamento de parte da Fonte de Troncoso, en Mondariz - Balneario, desperfectos en Ponteareas e diversos danos no concello de Oia.

Ningún comentario:

Publicar un comentario