8 de mar. de 2023

O ROSAL

O Rosal conmemora o 8M revolucionando mentes


A alcaldesa, Ánxela Fernández - no centro da imaxe - coa concelleira de Igualdade, Sara Vicente e a artista Gemma Marqués  cos nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier e persoas da Asociación Avelaíña
Fotos: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Rosal revoluciona mentes, hoxe e os 365 días do ano. Ao abeiro do 8M, Día Internacional da Muller, o Concello puxo en marcha varias iniciativas para visibilizar ante a veciñanza a importancia de acadar a igualdade real, tamén entre os máis pequenos e pequenas.  

 Xunto á lectura dun manifesto co gallo deste día, a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, e a concelleira de Igualdade, Sara Vicente Salcidos, inauguraron xunto a Gemma Marqués Redondo o mural realizado por esta artista, unha pintura inspirada nas mulleres creadoras do pasado e do presente para ollar cara ao futuro. Na obra aparecen representadas a pintora galega Maruja Mallo, a escritora africana Chimamanda Gnozie, a música inglesa Delia Derbyshire e a artista plástica xaponesa Yayoi Kusama. O mural, financiado con fondos do Pacto de Estado contra a violencia de xénero do Ministerio de Igualdade, busca desenvolver un discurso feminista poñendo en valor o patrimonio inmaterial e o legado de mulleres creadoras que sirvan de exemplo e inspiración para as novas xeracións.  


A alcaldesa e a concelleira de Igualdade, inauguraron xunto a Gemma Marqués Redondo o mural realizado por esta artista, unha pintura inspirada nas mulleres creadoras do pasado e do presente para ollar cara ao futuro
A Casa do Concello do Rosal iluminada coa cor morada conmemoariva do 8M
Simbólicas flores moradas feitas polos escolares do CPI Manuel Suárez

 O Rosal conmemorou o 8M tamén cunha cadea humana pola igualdade, un acto aberto á veciñanza no que participaron case 200 nenos e nenas do CPI Manuel Suárez Marquier e persoas da Asociación Avelaíña. A xornada rematou coa plantación de simbólicas flores moradas.  

 Ademais, como é habitual nestas datas, a Casa do Concello e a Cámara Agraria iluminaranse de morado para reivindicar o papel das mulleres na sociedade.

Ningún comentario:

Publicar un comentario