14 de dec. de 2023

DEPORTES

FÚTBOL

Segunda Galicia

O SPORTING GUARDÉS RECIBIRÁ AO LOURO TAMEIGA

 O domingo día 17 de decembro, ás 16:30 horas, no estadio municipal A Sangriña




Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

  Na categoría Segunda Galicia, na que participa esta temporada 2023/2024 o Sporting Guardés, a xornada 16ª disputarase este domingo día 17 de decembro. Dese xeito, o equipo de A Guarda, recibirá ás 16:30 horas, no estadio municipal A Sangriña, ao Louro Tameiga.

 En todo caso, convén relembrar que respecto as dúas xornadas precedentes, o Sporting Guardés coñeceu a derrota (1-2), no seu propio feudo, fronte ao Gondomar, C.F.. Foi na xornada 14ª, na que os puntos en xogo foron para o equipo da vila condal.

 Na xornada 15ª, o equipo de A Guarda desprazouse ata Mondariz, onde logrou empatar (1-1), e dese xeito manterse nos postos altos da clasificación. Na actualidade atópase na 4ª posición, por detrás do Gondomar, C.F., que vai de líder, a U.D. Mos e o Erizana, C. F., con 30, 30 e 29 puntos, respectivamente.

 A visita do Louro Tameiga debera servir para que o Sporting Guardés practique un fútbol resolutivo, para procurar que os puntos en xogo queden na nosa vila. En calquer caso, o equipo visitante situado na posición 17ª da táboa, virá coa idea de sorprender, co lexítimo desexo de tentar escalar na clasificación. 

 O Louro Tameiga ten 14 puntos e o Sporting Guardés 27. A diferencia é notoria. Máis como no deporte non abonda cos datos coñecidos, senón que son necesarias outras realidades ainda por coñecer, ao Sporting Guardés non lle cabe outra opción que xogar cun único obxectivo: non deixar que os puntos viaxen a outras coordenadas xeográficas. Para iso, unha vez máis, é necesario que os xogadores fagan de xeito óptimo seu labor, sentindo de preto o apoio dos seareiros de A Guarda e súa contorna, nas bancadas do municipal da Sangriña. Non se precisa máis.

Ningún comentario:

Publicar un comentario