14 de dec. de 2023

A GUARDA

Roberto A. Carrero volve a demostrar que non é persoa de fiar. 

Durante 3 meses consecutivos o señor Alvarez Carrero percibiu de xeito irregular da Deputación unha cantidade total de 5.375€ brutos. Se o PSOE en Pontevedra non denunciara esta semana o pago destes “sobresoldos”, descoñecemos ata cando o actual Alcalde da Guarda podería seguir recibindo diñeiro público de xeito indebido.  




Grupo Municipal Socialista / A Guarda

 A pasada semana o PSOE en Pontevedra rexistrou na Deputación unha pregunta na que recordaba que Carrero goza dunha dedicación exclusiva parcial do 79% como responsable de Cooperación Transfronteriza e Relacións Institucionais, un cargo que lle reporta unha retribución anual de 54.406€ (case 10.000€ máis do que cobraría como alcalde da Guarda). 

 Sen embargo de setembro a novembro esa retribución viuse “complementada” con cobros por asistencia a plenos, xuntas de goberno e comisións informativas, algo ao que só teñen dereito os/as deputados/as sen dedicación. Grazas a estes ingresos a súa nómina “engordou” ata rebasar os 6.000€ ao mes.  

 No momento no que se destapa o escándalo, o Sr. Carrero, intentou atallar o problema pedindo desculpas públicas e argumentando que “foi un erro administrativo” e que “non existiu mala fe”.  

 O primeiro argumento da súa defensa pode convencernos, os erros administrativos existen, pero o de que non houbo mala fe, iso cóstanos moito crelo.  

 Desde o grupo municipal socialista lanzamos unha pregunta á cidadanía: se a empresa ou administración na que traballas che ingresara no banco, a maiores do teu soldo, máis da metade do mesmo durante 3 meses seguidos, non te darías conta? Pasaríache inadvertido? 

 Podemos por tanto confiar na xustificación que da o Sr. Carrero ante semellante escándalo? Podemos, e debemos, fiarnos do noso alcalde?  

 A portavoz do Grupo Municipal Socialista, sinte “que A Guarda teña que ser foco dos medios de comunicación nacionais, non polos éxitos acadados polo actual equipo de goberno, senón por este tipo de polémicas, que poñen en dúbida a honradez dos/as políticos/as. Se tivera a decencia necesaria, está claro o que tería que facer. De nada vale pedir desculpas e devolver un diñeiro que non é teu, iso non ten mérito ningún”.

A Guarda,  14 de decembro de 2023

(R.)

Ningún comentario:

Publicar un comentario