DE MAR A MAR, DE FELICIANO ROLÁN
• O poemario que emocionou a Federico García Lorca, Juan Ramón Jiménez ou Álvaro Cunqueiro, rescatado en edición bilingüe castelán-galego, presente na Culturgal, 2023
Infogauda / A Guarda
Da man de Henrique Alvarellos Casas, profesor, escritor, editor e director de Alvarellos Editora; Anxo Angueira Viturro, profesor titular do departamento de Filoloxía Galega e Latina, da Universidade de Vigo, escritor e presidente da Fundación Rosalía de Castro; Xosé Gregorio Ferreiro Fente, profesor de ensino secundario, escritor e asesor técnico da Secretaría Xeral de Política Lingüística da Xunta de Galicia; Joaquín Cadilla Castro, mariñeiro, presidente da Organización de Palangreiros Guardeses (ORPAGU), poeta e presidente da Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro; e Celso Rodríguez Fariñas, concelleiro de Cultura e Deportes, do Concello de A Guarda; na mañá de hoxe, tivo lugar na Culturgal Feira das Culturas Galegas - que esta fin de semana estáse celebrando no Pazo da Cultura de Pontevedra -, a presentación do poemario De mar a mar, de Feliciano Rolán.
De mar a mar
Publicado orixinalmente en Madrid en outubro de 1934, De mar a mar é un extraordinario libro de poemas de Feliciano Rolán Vicente (Vigo, 1907-A Guarda, 1935) que mereceu o eloxio de poetas contemporáneos tan notables como Juan Ramón Jiménez ou Federico García Lorca, e en Galicia, de Álvaro Cunqueiro ou Luís Seoane.
Con todo, tras a prematura morte do seu autor aos 27 anos, o poemario quedou varado no mar do esquecemento. O presente volume rescata esta magnífica obra e repara o nome do seu creador.
Esta edición bilingüe de Alvarellos Editora, publicada na súa coidada (e premiada) Colección Rescate, incorpora unha versión en lingua galega dos textos realizada polo tradutor, poeta e profesor Anxo Angueira. O volume ábrese cun clarificador ensaio de Xosé Gregorio Ferreiro Fente, e enriquécese con diverso material (imaxes, manuscritos e debuxos) moi descoñecido, cun cadro bio-bibliográfico de Celso Rodríguez Fariñas e cos valiosísimos testemuños literarios de Ricardo Carvalho Calero e Carlos Martínez-Barbeito, dous intelectuais que trataron a Feliciano Rolán.
Os poemas de De mar a mar son “como berros de afogado”, en palabras de Lois Tobío.
Son versos que nos van a fascinar hoxe coa súa enorme sensibilidade e magnetismo.
Ningún comentario:
Publicar un comentario