“MÚSICA E PALABRAS”: OS SONS DA CULTURA QUE AGROMA NO POBO
• Ao abeiro da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos
Ricardo Rodríguez Vicente / Camposancos
Na Casa Cultural da Comunidade de Montes Veciñais en Man Común de Camposancos, vén de celebrarse na noitiña de onte, á derradeira sesión de “Música e Palabras” deste 2023.
“Nesta actividade todas ás persoas asistentes participamos e somos espectadores. María José Baz sacaba as notas musicales da súa guitarra e os asistentes non o dubidaron. Uns a subir o estrado e recitar temas de autor e incluso propios, e outros a cantar cancións populares e panxoliñas.
Rematamos tomando uns grolos de viño doce, rosca e larpeira. Unha forma de lembrarnos de que chega o nadal”, dixo José Fernando Martínez Martínez, presidente da xunta reitora da Comunidade de Montes de Camposancos, a este cronista.
“A Comunidade de montes de Camposancos vive a cultura”, engadiu o representante dos comuneiros camposinos.
Nada máis certo. “Música e Palabras”, reflicte os sons e a cultura que agroma no pobo. E o encontro de onte, con panxoliñas coreadas polo respectable público, a xeito de preludio dun novo nadal, e poemas ben inspirados, mesmo un deles - da autoría de Chuny Vázquez Vicente -, dedicado as avoas e avós, que son os mellores coidadores que podiamos imaxinar e que tanto contribúen a facer país; foi un fermoso xeito de compartir en harmonia, irmandade e paz, uns entrañables momentos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario