ARQUITECTURA EN POLIEXPAN
Homenaxe ás Casas Indianas, de Ramón González González
• Ata o 15 de xaneiro de 2024, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, na Casa dos Alonso
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
A Casa dos Alonso acolle Arquitectura en Poliexpán. Homenaxe ás Casas Indianas, unha exposición de 17 maquetas da autoría de Ramón González González.
Entre ás obras que presenta Ramón González, o visitante vai poder admirar as maquetas - a escala 1:33 - de inmobles senlleiros - verdadeiras xoias da arquitectura de influencia indiana -, como a Casa das Torres, de Roque Camilo Carrero Lorenzo, en Camposancos; Villa María - tamén coñecida como Casa de don Eloy -, do industrial Eloy Domínguez Veiga; a casa de Manuel Alonso Sobrino, coñecida como Casa de dona Marcola; o antigo Hospital Casa-Asilo, que desde 1990 está dedicado a Centro Cultural; e a fachada da casa de Manuel Álvarez Vicente, que moitas persoas coñecen como Casa de dona Carmucha.
Tamén están as maquetas da ermida da Virxe da Guía, en Ribadavila (A Guarda); e a da ermida da Virxe do Camiño, en Rebordáns (Tui), así como outras obras xurdidas do maxín creador de Ramón González González, inspiradas na arquitectura tradicional galega, motivo polo que con todo merecemento vén recibindo os parabens de moitas persoas que teñen visitado á exposición.
Respecto o labor artístico que vén realizando o autor desas maquetas, podemos decir que a partir de pranchas de poliestireno expandido ou EPS / AIRPOP, tamén coñecido como porexpan ou poliexpan, e logo dun minucioso traballo de campo in situ, indispensable para posteriormente poder realizar, con todo tipo de detalles, a maqueta que pretende executar; Ramón González acredita - unha vez máis - un alto nivel de perfección, que se traduce en beleza suprema, cuxos resultados cautivan ás persoas que contemplan á mostra. Dese xeito, a exposición ARQUITECTURA EN POLIEXPAN. Homenaxe ás Casas Indianas, está sendo todo un éxito de asistencia de público. Especialmente porque A Guarda é un concello onde existen destacados inmobles de arquitectura indiana, cuxo potencial cultural e turístico ben merecen súa axeitada protección e posta en valor - sinalización, roteiros,...-, para que tanto veciños como visitantes poidan gozar coa contemplación, coñecemento e divulgación dese importante patrimonio.
A devandita exposición pode visitarse ata o día 15 de xaneiro de 2024, de 10:00 a 14:00 e de 17:00 a 20:00 horas, na Casa dos Alonso.

Ningún comentario:
Publicar un comentario