24 de nov. de 2023

DEPORTES

BALONMÁN DHF

O Mecalia Atlético Guardés ficha á extremo croata Venera Surjan 

A extremo zurda, de 33 anos, superou con nota as esixencias do club 

O seu último equipo foi o Skövde sueco, onde xogou unha tempada 

Surjan: “Quero contribuír a lograr os obxectivos do club e colleitar bos resultados” 


Jesús López González, presidente do club Mecalia Atlético Guardés, con Venera Surjan, no momento da sinatura da fichaxe
Foto:M.A.G.


Redacción / A Guarda

 É oficial. A extremo Venera Surjan, natural da illa de Korčula (Dubrovnik, Croacia), xa forma parte do persoal do Mecalia Atlético Guardés para esta tempada 2023/2024. Tras máis dun mes poñéndose a proba baixo a batuta de Cristina Cabeza, o Mecalia Atlético Guardés decidiu que Surjan é a candidata idónea para potenciar o ataque do equipo desde o extremo dereito, así como para reforzar a defensa.  

 O último equipo da xogadora croata, de 33 anos,  foi o Skövde,  de Suecia, onde xogou unha tempada. Antes estivo 10 anos no Split, de Croacia. Nesta cidade, viviu durante 15 anos e comezou a súa carreira profesional no balonmán. A zurda balcánica chega ao conxunto do Baixo Miño despois de estar un ano inactiva. Con todo, a xogadora foi capaz de estar á altura das esixencias do corpo técnico e da directiva tras adestrar xa coas súas compañeiras este último mes.  

 Prevese que Surjan poida debutar co equipo no arranque da segunda volta de liga, cando finalice o parón polo mundial. Será o próximo 22 de decembro, contra o Replasa Beti-Onak na Sangriña.  

Venera Surjan: “Quero contribuír a lograr os obxectivos do club e colleitar bos resultados”  

 A xogadora croata afirma estar “moi satisfeita” de fichar polo Mecalia Atlético Guardés. Así explica as razóns que lle levaron a quedar na Guarda: “Gústame a forma de traballar do club, o seu sistema de traballo e o concepto que ten de adestramento”.  Surjan resalta que o seu maior desexo é “contribuír a lograr os obxectivos do club e cultivar bos resultados”. E conclúe: “Estou feliz de asinar”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario