21 de nov. de 2023

DEPORTES

Preto de medio millar de persoas participarán este sábado no VII Urban Trail Night Eurocidade

Trátase dunha proba única por ser un trail urbano, nocturno e entre dous países  


A proba foi presentada este mediodía na Biblioteca Municipal de Valença polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, o director técnico da carreira, Serafín Martínez de Noko 360 e Justi Peixoto

Infogauda / Tui / Valença

 Preto de medio millar de persoas participarán este sábado, 25 de novembro, no VII Urban Trail Night Eurocidade, que partirá ás 19.30 h do Centro Coordenador de Transportes de Valença, e cuxa liña de meta estará situada no Paseo da Corredoira en Tui. Contará, ao igual que en 2022, con dúas distancias 8 quilómetros e 16 quilómetros. A inscrición está aberta até ás 23.59 h deste mércores, 22 de novembro, en www.deporticket.com e en www.lap2go.com.  

 A proba foi presentada este mediodía na Biblioteca Municipal de Valença polo alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, o concelleiro de Deportes, Rafael Estévez, o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, o director técnico da carreira, Serafín Martínez de Noko 360 e Justi Peixoto, de Sra. Emilia Agencia de Comunicación.  

 O alcalde de Tui, Enrique Cabaleiro, destacou a Urban Trail Night coma unha proba “emblemática do noso calendario”, do que salientou é “un calendario único no ámbito transfronteirizo da Europa occidental”.  Tamén destacou coma neste evento “se retroalimentan a posta en valor do noso patrimonio e esta proba deportiva”.   

 O concelleiro de Deportes de Tui, Rafael Estévez, remarcou que a Urban Trail Night Euro-cidade é “un evento espectacular en todos os sentidos”, engadindo que se trata dunha pro-ba consolidada no calendario deportivo da Eurocidade. Mentres o vereador de Desporto de Valença, Arlindo Sousa, destacou que o feito de que a proba sexa nocturna e internacional lle confire un carácter único.  

 No mesmo sendo se pronunciou o director da carreira, Serafín Martínez, sinalando que este é un evento único por ser o único trail urbano e nocturno que se celebra en Galicia. Ao tempo puxo o aceno na súa espectacularidade polo entorno no que transcorre e salientou coma o percorrido cambia cada ano, incorporando novos emprazamos aos lugares emblemáticos das dúas cidades polos que pasa cada ano coma a Fortaleza de Valença, a vella Ponte Internacional e o conxunto histórico de Tui. Este ano incorpórase no percorrido a ponte peonil sobre a desembocadura do río Loureo. Mentres Justi Peixoto explicaba que esta é un proba diferente por tratarse dun trail urbano que tenta “estreitar aínda máis os lazos da Eurocidade, e pór en valor o gran patrimonio das dúas cidades”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario