21 de nov. de 2023

TUI

Ciclo “Sobredo 101, anos despois”; presentación do libro: Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos (Edit. Alvarellos) 

Día: 22 de novembro do 2023 – Mércores - Hora: 19:00 h. Lugar: Sala Félix Rodríguez – Edif. Francisco Sánchez 

Intervención da autora: Aurora Marco. Escritora. 




IEAMSO / Tui

 Aurora Marco no libro: Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos, publicado na editorial Alvarellos, achega a vida dunha mestra que na súa mocidade formou parte, como socia, do Seminario de Estudos Galegos; entidade da que se ven celebrando o seu centenario. 

 Aurora Marco exerceu a docencia na Universidade de Santiago, sendo catedrática de Didáctica da Lingua e a Literatura Galega até a súa xubilación en 2014. Foi presidenta da Sociedad Española de Didáctica de la Lengua y Literatura e colabora habitualmente con múltiples revistas literarias como Alameda, Murguía, Lenguaje y Textos, Andaina, Primeras Noticias, Revista Interuniversitaria de Formación del Profesorado, Cuadernos de Pedagogía. 

 En 2011, recibiu da Academia Galega do Audiovisual o Premio Mestre Mateo ao mellor documental, por As silenciadas, que foi dirixido por Pablo Ces e coproducido por ela, cun guión baseado no seu libro Mulleres na guerrilla antifranquista. 

 En 2023, foi recoñecida como Señora das Letras pola plataforma de crítica literaria feminista A Sega para celebrar o Día das Galegas nas Letras. 

 Especialista en estudos de xénero e memoria histórica; ten no seu haber numerosas publicacións; baixo o xénero literario do ensaio achega aspectos da participación das mulleres, activas e implicadas en aspectos sociais, culturais e políticos (agrarias, nas irmandades da fala, no seminario de estudos galegos, guerrilleiras), nun percorrido polo século XX, especialmente nas súas tres primeiras décadas; entre outros, ten publicado: 

 As precursoras. Achegas para o estudo da escrita feminina (Galiza 1800-1936) (1993). 

 Mulleres e educación en Galiza. Vidas de mestras (2002). 

 Dicionario de mulleres galegas. Das orixes a 1975 (2007). 

 Mulleres na guerrilla antifranquista galega (2011). 

 Elas (2015). 

 Irmandiñas (2020). 

 Carmiña Sierra. A primeira muller do Seminario de Estudos Galegos (2023). 

 A obra que se presenta, tal como se di no comezo aborda a vida de Carmen Sierra, nacida en Pontecesures, 1906 (falece en Caracas, 1996); quen iniciou estudos de Filosofía e Letras en Compostela que conclúe Universidade de Madrid). Foi catedrática de Literatura Española e exerceu como mestra antes da Guerra Civil en varios centros de ensino medio fóra de Galiza. Militante do PCE, foi detida o 5 de xaneiro de 1946 e estivo presa no Cárcere de Ventas. Dous anos máis tarde foi xulgada nun Consello de Guerra e condenada a catro anos de prisión. Vive en Madrid, onde traballa nunha libraría, ata que en 1952 decide exiliarse en Venezuela, onde residiu ata a súa morte. 

 A actividade, que conta coa colaboración do Concello de Tui, está organizada polo IEAMSO, Instituto de Estudos Agrarios Mártires de Sobredo, no Ciclo “Sobredo 101, anos despois”. 

 Compréndese na programación de actos que terminarán coa conmemoración anual dos Sucesos de Sobredo; acto que se realizará o 26 de novembro, domingo, ao pé do Monumento aos Mártires, localizado no xa citado lugar de Sobredo, na parroquia de Guillarei (Tui). 

Ningún comentario:

Publicar un comentario