10 de out. de 2023

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Saúde Mental FEAFES Galicia ofrece unha atención integral e personalizada a máis de 2.000 persoas cada ano  

A entidade conmemora o Día Mundial da Saúde Mental coa inauguración da súa nova sede en Compostela, nun acto que terá lugar o venres 13 de outubro e que contará coa presenza de Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia


Dúas persoas no local de Saúde Mental FEAFES Galicia

Ana Escrigas Rodríguez / Santiago

  Hoxe, 10 de outubro, conmemórase o Día Mundial da Saúde Mental, unha data na que alzar a voz pola defensa dos dereitos das persoas con problemas de saúde mental, reivindicando unha mellor atención ás súas necesidades e unha integración plena e normalizada na sociedade.  

 Con este propósito, Saúde Mental FEAFES Galicia leva 28 anos traballando na mellora da calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e as súas familias, logrando poñer en marcha múltiples dispositivos, proxectos e recursos que dan resposta ás necesidades que tiña o colectivo e que non estaban cubertas.  

 Actualmente, a federación congrega a 12 asociacións que teñen presenza en máis de 30 localidades galegas, atendendo a unha poboación diana de 68.000 persoas e logrando, ao longo de toda a súa traxectoria, dar resposta ás necesidades de máis de 10.000 persoas con problemas de saúde mental e familiares.  

 Para iso, ofrécese unha atención integral e personalizada, atendendo todas as facetas da persoa e adaptando a intervención a cada casuística particular. Saúde Mental FEAFES Galicia defende que a axeitada atención social e sanitaria para o colectivo debe darse dentro do ámbito comunitario, nun entorno normalizado da sociedade e con recursos de apoio efectivos e adaptados ás súas circunstancias. 




 Como resultado dese traballo sostido e potenciado ao longo do tempo, este ano Saúde Mental FEAFES Galicia vai inaugurar unha nova sede en Santiago de Compostela nun acto que terá lugar o venres 13 de outubro ás 12:00 en Rúa Manuel Ceruelo nº 5A-5B baixo. Constará dunha visita polas instalacións, un acto institucional e un aperitivo posterior. 

 Este evento contará coa presenza de de D. Alfonso Rueda, presidente da Xunta de Galicia; D. Julio García Comesaña, conselleiro de Sanidade; Dna. Begoña Abeijón, Directora Xeral de Persoas con Discapacidade; e Dna. Goretti Sanmartín, alcaldesa de Santiago. Intervirán tamén Xosé Ramón Girón, presidente de Saúde mental FEAFES Galicia; e Manuel López en representación das persoas usuarias.    

Partindo de cero: décadas de traballo pola saúde mental 

 Dende o nacemento de Saúde Mental FEAFES Galicia en 1995, o movemento asociativo logrou ofrecer apoio e atender a máis de 10.000 persoas con problemas de saúde mental, familiares e persoas achegadas.  

 Antes de que existisen as asociacións de saúde mental, as persoas que tiñan un diagnóstico psiquiátrico carecían dunha atención específica. Por iso, o grande logro do movemento asociativo foi abrir portas que estaban pechadas e crear recursos de apoio que no seu momento resultaban impensables, partindo de cero.  

 Ao longo deste tempo, aportouse ao colectivo escoita, apoio mutuo e a perspectiva dun futuro máis digno, demostrando que cos apoios necesarios, a situación das persoas con problemas de saúde mental mellora radicalmente. Do mesmo xeito, logrouse camiñar cara unha percepción social máis normalizada, rompendo estereotipos e ideas erróneas sobre as persoas con problemas de saúde mental.  

 Segundo a Organización Mundial da Saúde, unha de cada catro persoas terá un problema de saúde mental ao longo da súa vida. En Galicia, segundo o censo de persoas con discapacidade da Consellería de Política Social, no 2022 había 68.029 persoas con problemas de saúde mental, sendo a segunda causa de discapacidade máis frecuente despois da física. Trátase, por tanto, dun problema cunha enorme prevalencia para o que aínda queda moito por facer. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario