11 de out. de 2023

O ROSAL

O Rosal busca a súa primeira ‘Flor de Honra’   

 O xurado do certame ‘Vilas en Flor’ visitou hoxe o municipio para coñecer a traxectoria do Concello na mellora dos espazos verdes urbanos e na xestión sostible  

 

A alcaldesa, concelleiros do equipo de Goberno municipal, e membros do xurado, na Praza do Calvario
Foto: C.O.R.


Infogauda / O Rosal

 O Concello do Rosal opta por primeira vez a conseguir unha ‘Flor de Honra’ do certame internacional Vilas en Flor de Galicia, unha iniciativa que procura a mellora ambiental, social e económica dos municipios galegos de menos de 50.000 habitantes. Organizado pola Fundación Juana de Vega, a Asociación de Viveiristas do Noroeste (Asvinor) e a Asociación Galega de Empresas de Xardinería (Agaexar); tres membros do xurado visitaron este mércores o municipio rosaleiro para coñecer a traxectoria do Concello para mellorar e potenciar os espazos verdes urbanos, a súa xestión sostible, a educación ambiental e a concienciación veciñal no coidado da contorna natural. 

 A visita comezou cunha reunión no consistorio no que se lles amosaron as intervencións e proxectos desenvolvidos ao abeiro da transformación verde do Rosal, “unha aposta pola sustentabilidade ambiental en todas as áreas de acción e competencia municipal para converternos nun concello do rural galego modelo do avance sostible, respectuoso e responsable coa nosa realidade e o noso medio ambiente”, como sinalou a alcaldesa, Ánxela Fernández Callís durante o encontro.  

 O encontro continuou co percorrido da Praza do Calvario, exemplo de transformación e de recuperación de espazos públicos nun Rosal pensado para as persoas no que se traballa para eliminar o uso desmedido da mobilidade motorizada e a contaminación ambiental ou o emprego de materiais contaminantes na creación das áreas de lecer.  Son máis de 5.200 metros cadrados que pasaron de ser un aparcamento a unha zona de lecer e convivencia que permite un maior dinamismo social e económico da contorna.  

 Alcaldesa, equipo de Goberno e xurado desprazáronse tamén ata a Explanada do Horizonte, un dos tres ecoparques creados nos últimos tres anos no Rosal, áreas de lecer creadas mantendo as características xeomorfolóxicas do lugar e a vexetación autóctonas e con orixinais instalacións para uso e desfrute da cativada. Xunto a esta zona deseñada por María Fandiño e con numerosos galardóns a nivel internacional, tamén se lles explicaron as actuacións realizadas no ecoparque de Viso dos Eidos e no ecoparque do Sobreiral, no centro urbano do Rosal.  

 Outro dos piares fundamentais da visita foi o percorrido polas Eiras, tanto pola capela da Madalena como pola zona do río. Neste espazo, alcaldesa e equipo de Goberno amosaron aos membros do xurado a contorna das sobreiras da Madalena, incluídas no Catálogo galego de árbores senlleiras. O Concello está a traballar nun proxecto de conservación e transformación do paisaxismo desta contorna, potenciando o gran valor natural da contorna da Ribeira para conectalo co gran valor natural e matrimonial do Monte da Madalena.  

 A alcaldesa amosou a súa satisfacción pola visita do xurado do certame Vilas en Flor e o seu convencemento de que O Rosal obterá moi bos resultados na súa primeira candidatura a obter unha Flor de Honra. “A sostibilidade ambiental é para nós unha cuestión estratéxica e transversal que afecta a todas as áreas de decisión e xestión e que forma parte fundamental de transformación do municipio”, asegurou Fernández Callís. A rexedora tamén resaltou que “o equipo de Goberno segue a traballar en proxectos para a consolidación e desenvolvemento de accións e proxectos futuros que consoliden e acrecenten a transformación verde e sostible dos rosaleiros e rosaleiras”.

Ningún comentario:

Publicar un comentario