19 de set. de 2023

SANTIAGO DE COMPOSTELA

ABANCA reforza o seu sólido apoio ás redeiras artesás de Galicia mediante a firma dun novo acordo 

O renovado texto céntrase en brindar solucións aos desafíos actuais que afrontan as profesionais da Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao”, e o seu punto principal é o acceso a opcións de crédito 

O banco e a federación colaboran co obxectivo posto fundamentalmente “na mellora da competitividade do colectivo e a atracción de novas xeracións cara a este oficio tradicional”


A firma deste novo acordo tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela e contou coa presenza do director da unidade especializada ABANCA Mar, Javier Fraga, e a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao”, Verónica Veres

Infogauda / Santiago de Compostela

 ABANCA consolida o seu compromiso coas redeiras de Galicia grazas á firma dun novo convenio de colaboración coa Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao”. Este paso é unha mostra máis do sólido apoio que a entidade financeira ofrece desde hai anos a estas traballadoras do mar, cuxo labor é fundamental tanto no ámbito económico como cultural da comunidade galega.  

 A firma deste novo acordo tivo lugar esta mañá en Santiago de Compostela e contou coa presenza do director da unidade especializada ABANCA Mar, Javier Fraga, e a presidenta da Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao”, Verónica Veres.  

 O novo texto céntrase en brindar solucións aos desafíos actuais que afronta o colectivo das redeiras, como o cambio xeracional, e o seu punto principal é o acceso a opcións de crédito melloradas. Desta forma, as profesionais que forman parte da federación terán condicións preferentes á hora de contratar produtos de ABANCA. Estas condicións aplicaranse tanto á implementación de novos proxectos como ao fortalecemento da competitividade dos proxectos xa existentes. Entre as opcións ofrecidas destacan pólizas de crédito, préstamos persoais, anticipos de subvencións ou avais.  

 Doutra banda, o convenio tamén inclúe seguros personalizados para o colectivo. Ademais, desde as distintas oficinas e a unidade especializada ABANCA Mar, brindarase información sobre as opcións de financiamento dispoñibles a través dos acordos que a entidade financeira mantén con diversos organismos públicos.  

 “Para ABANCA é importante seguir apoiando a unha profesión tan arraigada na comunidade local e que é fundamental dentro do sector pesqueiro. Con este acordo buscamos mellorar a competitividade das redeiras e atraer a novas xeracións cara a este oficio mariñeiro, un dos máis antigos e valiosos que forman parte inalienable do patrimonio cultural galego”, explicou o director de ABANCA Mar tras a firma.  

Un compromiso a longo prazo 

 Esta nova colaboración non é un punto de partida, senón unha continuación do compromiso a longo prazo de ABANCA con este oficio tradicional. En 2021, o banco e as redeiras presentaron a campaña “Redes Vivas”, que ten como obxectivo dar unha segunda vida ás redes rescatadas das costas galegas para reciclalas e empregalas como material deportivo en centros de toda Galicia. Esta ambiciosa iniciativa acadou diversos éxitos e recoñecementos significativos e, o pasado mes de xuño, levou á entidade financeira a gañar o primeiro posto na categoría de Marketing Social nos Premios Nacionais de Marketing, organizados pola Asociación de Marketing de España.  

 A Federación Galega de Redeiras Artesás “O Peirao” foi creada en 2004 e está constituída por oito asociacións de mulleres de Cariño, Cedeira, O Fieital, Illa da Estrela, Portosín, Virxe do Carme, O Cerco e Atalaia. O seu obxectivo principal é mellorar as condicións laborais das redeiras e obter un maior recoñecemento da súa profesión. ABANCA, pola súa banda, conta desde 2016 cunha unidade de negocio especializada no mundo pesqueiro, ABANCA Mar, que dispón dun amplo catálogo de produtos e servizos pensados para dar resposta ás demandas deste colectivo e ofrece solucións personalizadas ás problemáticas puntuais do sector.

Ningún comentario:

Publicar un comentario