15 de set. de 2023

O ROSAL

Homenaxe ás rosaleiras co concurso de fotografía ‘Mulleres que inspiran’  

O Concello convoca un certame para visibilizar e recoñecer o labor de avoas, nais... como piares das familias  

As propostas poderán presentarse ata o vindeiro 15 de outubro  




Infogauda / O Rosal

 O Rosal ten nome de muller e quere retratalo. O Concello convoca o concurso de fotografía ‘Mulleres que inspiran’, un certame que busca facer unha homenaxe ás avoas, nais... e recoñecer o labor destas mulleres como piares das familias e da sociedade, ao tempo que se fomenta a creatividade artística e a participación cidadá.  

 A alcaldesa, Ánxela Fernández Callís, anima a toda a veciñanza a participar nesta iniciativa “coa que poñer en valor o traballo que realizan todas as rosaleiras, un traballo que moitas veces permanece invisible a pesar de ser fundamental para o funcionamento das nosas vidas e das nosas vilas a cotío e en todos os ámbitos”. 

 Poderán participar neste concurso rosaleiros e rosaleiras de todas as idades cunha fotografía na que aparezan mulleres do Rosal que marcaran dun xeito ou outro as súas vidas. As imaxes deberán recoller ás mulleres de máis idade da familia xunto con persoas descendente, cun mínimo de dúas xeracións, nun contexto artístico.  

 Presentarase un máximo de unha fotografía orixinal que deberá enviarse por correo electrónico a participacion@orosal.gal, indicando no asunto Concurso Mulleres que Inspiran e co título da fotografía; un breve texto explicativo sobre as persoas que aparecen na imaxe, o vínculo que as relaciona e por que se elixiu a esas persoas ou a historia que hai detrás; nome e apelidos do autor ou autora, DNI, enderezo completo e teléfono de contacto; e o Anexo I cuberto e firmado.  

 O prazo para enviar as imaxes remata o 15 de outubro ás 23.59 horas. O xurado elixirá a obra gañadora e outras 49 fotografías que formarán parte da exposición que se poderá ver o 25 de novembro con motivo do Día Internacional en Contra da Violencia contra as Mulleres. Só por participar, as persoas que envíen as súas fotografías recibirán a imaxe impresa. 

 O Concello pon en marcha esta iniciativa ao abeiro do proxecto ‘Mulleres que inspiran', un programa posto en marcha para continuar revolucionando mentes, promocionar a igualdade real e previr a violencia de xénero a través de referentes femininos en todos os eidos.  

 Financiado pola Deputación de Pontevedra, o proxecto ‘Mulleres que inspiran’ busca achegar referentes femininos en todos os ámbitos a través de diferentes liñas de actuación, como encontros con profesionais, dando visibilidade ás xornalistas deportivas e deportistas profesionais de disciplinas historicamente masculinas ou a través da arte. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario