22 de set. de 2023

O ROSAL

O Rosal distribuirá 25.000 bolsas de tea e materiais reciclables para impulsar o comercio local  

 Mercado e establecementos repartiranas entre a veciñanza que compre nos establecementos rosaleiros ao abeiro da campaña ‘Da túa man’  


O concelleiro de Comercio, Novas Tecnoloxías e Dixitalización, Xuventude e Persoal, Alejandro González Martínez, reuniuse estes días coa asociación de comerciantes e cos praceiros e praceiras

Fotos: C.O.R.



Infogauda / O Rosal

 O Rosal continúa traballando para poñer en valor o comercio local, nesta ocasión a través dunha acción posta en marcha ao abeiro do proxecto ‘Da túa man’, unha campaña que busca promocionar que a veciñanza merque nos comercios rosaleiros e fomentar a sostibilidade e a economía circular no municipio.  

 O Concello porá a disposición de establecementos comerciais 25.000 bolsas promocionais de tea e material reciclables, que nos vindeiros días as e os comerciantes repartirán entre os seus compradores e compradoras. As bolsas comezarán a repartirse a partir da vindeira semana. 

 O Concello chegou a un acordo coa Asociación de Comerciantes de O Rosal (ACOR) para distribuír este material promocional entre os comercios asociados á entidade. Dende o Goberno municipal quérese poñer en valor o traballo que día a día realiza esta asociación para poñer en marcha actividades que dinamicen o comercio local, como a Feira do Mirabel que se celebrará o vindeiro 1 de outubro no Tamuxe con torneos, mercadiño, andainas, gastronomía e moita música. 

 Aqueles establecementos non asociados que estean interesados en participar na iniciativa poderán solicitar as súas bolsas na propia Casa Consistorial. O Concello tamén distribuirá parte destas bolsas entre os diferentes postos do Mercado.  

 O concelleiro de Comercio, Novas Tecnoloxías e Dixitalización, Xuventude e Persoal, Alejandro González Martínez, reuniuse estes días coa asociación de comerciantes e cos praceiros e praceiras para informar acerca desta iniciativa que busca promover o comercio de proximidade. “Apostar polo local non só fomenta o crecemento económico do Rosal, senón que tamén fortalece lazos entre os nosos veciños e veciñas, permite asentar poboación e que construamos un futuro máis sólido e sostible entre todos e todas”, destacou González. 

 O reparto deste material promocional reutilizable é unha das medidas recollidas no proxecto ‘Da túa man’, que contempla accións como a colocación de tótems informativos e consignas ou actividades formativas dirixidas ao comercio. O obxectivo é promover o desenvolvemento sostible no municipio non só polo impacto positivo directo nos establecementos, senón tamén por como repercute na economía local e na dinamización cultural e social das zonas urbanas comerciais.  

 A campaña ‘Da túa man’ está financiada nun 70% polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia a través dos Fondos NEXT Generation da Unión Europea. A coordinación corre a cargo da Deputación de Pontevedra, que achega un 15% do orzamento, mentres que o Concello do Rosal achega o outro 15%.

Ningún comentario:

Publicar un comentario