26 concellos galegos fanse co ouro no marco do programa Praias Sen Fume da Xunta de Galicia
Cabanas e Oleiros súmanse por primeira vez a esta categoría, tras declarar todos os seus areais libres de fume
Na provincia de Pontevedra, os concellos que acadan este galardón son, A Guarda, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Ponteareas, Ponte Caldelas, Redondela, Sanxenxo, Tui e Vilaboa
O conselleiro de Sanidade, no acto celebrado en Ponteceso, que contou coa presenza da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e do alcalde deste concello, José Manuel Mato Martínez, así como as/os representantes dos concellos premiados
Foto: X.G.
Infogauda / Ponteceso (A Coruña)
Un total de 26 concellos galegos fanse co diploma de ouro no marco do Programa Praias sen Fume da Xunta de Galicia, que leva a cabo a Dirección Xeral de Saúde Pública da Consellería de Sanidade. Así o destacou o conselleiro de Sanidade, nun acto que tivo lugar no concello de Ponteceso, e que contou coa presenza da directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán Parrondo, e do alcalde deste concello, José Manuel Mato Martínez.
O conselleiro remarcou o compromiso dos concellos que se fixeron co ouro ao incluír todas as súas praias na Rede. Este ano súmanse a esta categoría, Cabanas e Oleiros.
Os 26 concellos recoñecidos con esta distinción son, na provincia da Coruña, Bergondo, Boiro, Cabana de Bergantiños, Cabanas, Cedeira, Corcubión, Dumbría, Laxe, Mañón, Noia, Oleiros, Ponteceso, Pontedeume, Rianxo e Valdoviño. Na provincia de Lugo, Cervo e Barreiros. Pola súa banda, na provincia de Pontevedra, os concellos que acadan este galardón son, A Guarda, Baiona, Cerdedo-Cotobade, Ponteareas, Ponte Caldelas, Redondela, Sanxenxo, Tui e Vilaboa.
Esta iniciativa botou andar no 2016 cun fin educativo e de sensibilización social. Comezouse con 26 praias, -dixo o conselleiro-, “e a día de hoxe xa son 224 os areais galegos libres de fume, e isto é posible grazas á colaboración dos 80 concellos que participan activamente no programa, e que son exemplo do que se pode acadar cando unha comunidade se fixa un obxectivo común”.
O titular da carteira sanitaria puxo en valor que Galicia sexa un referente en temas de saúde, “servindo de modelo a outras comunidades, que xa valoran o carácter atractivo e innovador desta iniciativa”.
Tamén subliñou Comesaña o compromiso da Xunta de seguir ampliando os espazos libres de fume. Así, “xa está activa a Rede Galega de Parques sen Fume e, en maio, deste ano presentamos o Plan Inspira Saúde”, no marco do que o Goberno galego decretou o 31 de outubro como Día Galego Sen Tabaco e fixou a creación dunha Rede Cidadá Inspira Saúde.
Para rematar a súa intervención, Comesaña dixo que “a promoción de espazos libres de tabaco é unha chamada á acción para salvagardar a saúde e o benestar da cidadanía galega”.
Ningún comentario:
Publicar un comentario