O PLENO DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA APROBOU 3,7 MILLÓNS DE EUROS PARA INVESTIMENTOS EN CONCELLOS E OBRAS DE SEGURIDADE VIARIA NAS ESTRADAS DA PROVINCIA
O pleno da Deputación aprobou unha modificación de crédito por valor de 1,3 millóns de euros para investimentos, a prórroga para obras de cunetas de seguridade en estradas por 2 millóns de euros e desbloquea proxectos paralizados en Baiona e Vilanova por 350.000 euros
Fotos: D.PO.
Infogauda / Pontevedra
O pleno da Deputación de Pontevedra aprobou este venres a mobilización de 3,7 millóns de euros para a execución diferentes obras na provincia. O executivo provincial deu luz verde a unha modificación de crédito por valor de 1,3 millóns de euros para investir na mellora de dotacións e equipamentos de infraestruturas do territorio, así como dunha prórroga por valor de 2 millóns de euros do acordo marco para obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación.
A sesión serviu tamén para certificar o cambio de titularidade de varias estradas provinciais en Tui, A Illa de Arousa, Marín e Valga que agora pasan a ser de titularidade municipal, así como a modificación de proxectos para executar diversas actuacións en Covelo, Lalín, Mondariz, Pontecesures, Sanxenxo ou Vila de Cruces financiados con recursos do programa provincial ReacPon.
Así mesmo, o presidente Luis López deu conta do período medio de pago da Deputación de Pontevedra a provedores que foi no mes de xuño de 7,36 días e en xullo, de 8,8 días. Unha cifra significativamente menor dos 37 días de media que arroxan o resto de entidades locais do Estado.
Do mesmo xeito, o pleno informou da resolución presidencial para o desbloqueo de 350.000 euros que se destinarán a mellorar a seguridade viaria das estradas EP-9702 entre As Sinas e Vilanova de Arousa e a mellora urbana da EP-2202 entre Baiona e Loureza.
No concello arousano mobilízanse 220.000 euros para reparar o firme dun tramo de 800 metros da devandita estrada. Mentres que o municipio do Val Miñor recibirá 130.000 euros para actuar nunha pasarela de madeira deteriorada que se mellorará cun novo muro de contención e unha nova beirarrúa para fomentar a mobilidade peonil.
O primeiro punto da orde do día foi o relativo á modificación de crédito, que saíu adiante cos votos favorables dos deputados do PP e o BNG e abstención do PSOE. Dun total de 1,3 millóns, 490.000 corresponden a créditos extraordinarios, mentres que os 811.000 restantes fináncianse con remanentes líquidos de tesourería.
“A tramitación deste expediente está motivada pola necesidade de realizar gastos que non poden demorarse ata o exercicio seguinte por non existir consignación suficiente no estado de gastos do orzamento corrente”, explicou o voceiro do goberno provincial, Jorge Cubela.
O seguinte punto da orde do día consistiu na aprobación da primeira prórroga do acordo marco que regula as obras de cunetas de seguridade na rede viaria da Deputación. Unha prórroga por valor de 2 millóns de euros dividida en tres zonas: norte (665.125 euros), centro (738.228 euros) e sur (595.975 euros).
Igualmente aprobado por maioría saíron os puntos da orde do día referidos á modificación de proxectos adscritos ao programa provincial ReacPon para os concellos de Covelo, Lalín, Mondariz, Pontecesures, Sanxenxo e Vila de Cruces.
“Son modificación dos proxectos técnicos das obras, incluídas no marco do Programa ReacPon, que non alteran nin a finalidade nin o obxecto para o que se outorgou a axuda económica da Deputación”, xustificou o voceiro Jorge Cubela o motivo da inclusión destes asuntos no debate da sesión.
Pola contra, o pleno acordou tamén por maioría desestimar os recursos dos Concellos do Rosal e Soutomaior para sumarse ao Programa Pon 2030 porque non acadaban 50 % da puntuación requirida. Tampouco prosperou o recurso de Vilanova de Arousa porque o seo proxecto non se acollía ao obxecto subvencionable.
O debate plenario rematou co rexeitamento da moción presentada polo grupo socialista pola que esixían a destitución de Rafael Louzán como presidente da Real Federación Galega de Fútbol polo comportamento de Luis Rubiales coa futbolista Jennifer Hermoso.
Ningún comentario:
Publicar un comentario