27 de set. de 2023

CAMPOSANCOS (A GUARDA)

Presentación da curtametraxe Antes de que se poña o sol de Nani Matos   

 Este venres 29 de setembro, ás 21:30 horas, Nani Matos presentará en Camposancos a súa nova curta 




Infogauda / Camposancos

 “Nunha reunión familiar, catro irmáns deben tomar unha decisión e non todos están de acordo”. Así é a sinopse da curta da que pouco máis se pode revelar. A película fala dos conflitos familiares entre os pais e os fillos adultos. Un drama familiar ambientado no mundo rural que nos achega ao difícil que é aceptar o paso do tempo e respectar as decisións dos demais.    

 Este venres, 29 de setembro, ás 21:00 horas, poderemos vela no lugar de “O Palomar”, en Camposancos, Unha proxección ao aire libre que será, sen dúbida, especial por ser Camposancos o pobo de nacemento do seu director. Nani actualmente reside en Pontevedra pero mantén unha estreita relación coa Guarda e o Baixo Miño. Na proxección tamén contaremos coa música de Bieitosolo.  

 Antes de que se poña o sol é, como diciamos, unha curtametraxe escrita e dirixida por Nani Matos. Rodouse na parroquia de Rebordáns, en Negreira, no mes setembro de 2022 e conta cun elenco formado por Mela Casal, Victoria Teijeiro, Machi Salgado, Teté García, Xosé M. Esperante, e o propio Nani Matos onde participa por primeira vez como actor nunha curta na que tamén a dirixe. Poderemos ver ademais o debut no cinema da xoven Sabela Rodríguez. Unha prometedora actriz da Guarda que o propio Nani descubriu en Camposancos.   

 Esta curtametraxe estreouse o 30 de xuño no Teatro Principal, de Pontevedra. No pequeno percorrido que leva xa acadou 5 premios e preto de 20 seleccións en festivais como, o Festival Internacional de Cortometrajes de Berriozar, en Navarra, o Festival Internacional de Cine Social de Toledo ou mesmo o Festival Primavera do Cine, en Vigo, onde acadou o Premio á Mellor Curtametraxe. No mes de outubro estréase internacionalmente no Festival de Cine de Hendaia, en Francia.  

 A Facultade de Belas Artes de Pontevedra colaborou coa curtametraxe, onde algúns dos alumnos vencellados á aula de audiovisuais, participaron nos distintos departamentos da curta.  

 Nani Matos é actor, director e guionista, e este traballo supón a súa cuarta curtametraxe. Dirixiu as curtametraxes Dies dei (2009), Flores para Amalia (2013) e Lurna (2016), acadando entre elas máis de 200 seleccións nacionais e internacionais e preto de 50 premios. Lurna é a súa curta máis premiada e estivo seleccionada en máis de 25 países. Nani Matos desenvolve, actualmente, a súa actividade na escritura de varios proxectos.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario