Fin de semana con novas propostas culturais para pechar o mes de setembro na vila
• Teatro, música e unha exposición de escultura
Infogauda / A Guarda
O outono estréase na Guarda cargado dunha ampla programación para esta fin de semana, na que se concentran diversas propostas no venres, sábado e domingo.
O venres 29 de setembro ás 21:00h. será o momento do teatro, esa arte que tanto gusta á xente da nosa vila e que nos trae nesta ocasión a sátira de Vicente Risco “O Porco de Pé”. Unha comedia protagonizada por Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, que vén de xirar por toda Galicia colleitando éxitos (con tres premios María Casares) e sobre todo o favor e as risas do público. O acceso será de balde ata esgotar o aforo da sala. Non é precisa a reserva previa.
Ao día seguinte, o sábado será o momento do concerto do programa Musigal 2023 da Deputación de Pontevedra, que cada ano aposta pola difusión da música en galego. Nesta ocasión chegará ata A Guarda o grupo Laroá, que composto por nove músicos de disciplinas e orixes do mais variado propoñen un repertorio que pasa polo jazz e o swing fusionado cos ritmos tradicionais galegos, mediterráneos, centroeurpoeos... Unha proposta melódica de gran calidade artística para a noitiña do 30 de setembro, ás 21:00 horas, na Praza do Reloxo.
E por último, para pechar a fin de semana o artista José Luis Correa, vai inaugurar o domingo 1 de outubro ás 18:00h., na Casa dos Alonso, a súa exposición Ikarus. O artista, que xa tivo unha mostra no mesmo lugar no mes de marzo, maioritariamente de debuxos e pinturas, achegaranos agora un monográfico das súas creacións escultóricas, nas que se poderán observar diferentes técnicas artísticas, materiais e incluso momentos da súa creación.
Ningún comentario:
Publicar un comentario