30 de set. de 2023

A GUARDA

IKARUS: EXPOSICIÓN DE ESCULTURAS DE JOSÉ LUIS CORREA

 Do 1 ao 16 de outubro, na Casa do Concello de A Guarda   

• A inauguración será este domingo día 1, ás 18:00 horas


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Cunha bagaxe formativa - acadada, nunha primeira etapa, ao longo de cinco anos -, que en dibuxo e pintura foi ao carón de Alicia Alonso Fernández, e que - de xeito simultáneo, compaxinando horarios, obviamente - en escultura (modelaxe, baleirado, resina, talla en pedra,...) foi con Magín Xulio Picallo Durán; o artista José Luis [Rodríguez] Correa, continuaría posteriormente súa aprendizaxe con Pablo Eduardo García García, de León. Neste caso, en talla en madeira, pátina e restauración. Asemade, con Amelia Alfaya, de Tui, recibíu formación en pátinas e restauración. E con Lorenzo Rodríguez Rodríguez, seu pai, en carpintería. Eses son os referentes de José Luis Correa - seu nome artístico -, artista nado no Rosal e afincado na vila guardesa, que desde este domingo día 1 de oucubro, ás 18:00 horas, na Casa do Concello de A Guarda, vai presentar unha exposición de escultura, que leva por título xenérico Íkarus.

 Na mitoloxía antiga, a Ícaro -  Ικάρος, en grego - coñécese como o inventor do traballo en madeira. Pola relación creativa que José Luis Correa ten con esa materia natural, a denominación da exposición - Íkarus - non pode ser máis acertada.  

 Segundo refire a mitoloxía sabemos que Ícaro e o seu pai, Dédalo, estaban prisioneiros na illa de Creta. Para tentar fuxir Ícaro saíu voando cunhas ás pegadas con cera ao seu corpo. Pero ao achegarse en exceso ao Sol, ignorando os prudentes consellos do seu pai, Ícaro perdeu as súas ás ao fundirse a cera, e caeu ao Mar Exeo.

 Como o propósito do escultor José Luis Correa, non é sair voando, senón crear arte, mantendo o canon correspondente e aplicando os axeitados coñecementos técnicos; non se cingue exclusivamente á madeira - como xa o demostrou na súa anterior exposición de debuxos, titulada Alma -, senón que tamén emprega outros materiais, entre eles a pedra, a resina,...


Unha das esculturas que presenta José Luís Correa

 Na exposición, que ata o día 16 de outubro, presenta José Luis Correa, as persoas que a visiten vánse atopar con dous espazos. Un deles, con creacións en pedra - que o artista cualifica como a parte primitiva da mostra -, e nas que o autor extraeu da pedra o que transmitía orixinariamente, mantendo a esencia do material e prescindindo únicamente do accesorio. Nese lugar, o visitante vaise encontrar tamén cun busto a tamaño natural, que fixo en pedra, e cuxa obra final atópase en Estás.

 Na sala contigua, José Luis Correa presenta quince bustos - realizados en resina -, correspondentes a outros tantos personaxes, que levan cadansúa breve historia - en galego, castelán, francés e inglés - en formato QR. Esas obras forman parte dun proxecto artístico, co cal o autor, chegado o momento oportuno, dará a coñecer a proposta dunha pequena viaxe no tempo.

 Como xa aconteceu con Alma, e exposición Ikarus, de José Luís Correa, vai ser a confirmación de estarmos diante dun artista total. Dunha persoa que coñece as diversas técnicas de expresión plástica e sabe poñelas en práctica. Os resultados son obras únicas, porque levan consigo a creatividade e o bon saber facer do seu creador.

 Recomendamos vivamente visitar a exposición Íkarus.

Horarios de visita:

De luns a venres, de 9:00 a 14:00 e de 18:00 a 21.30 horas.

Domingo: De 18:00 a 21:00 horas.

Ningún comentario:

Publicar un comentario