21 de set. de 2023

A GUARDA

Volve o  teatro á Guarda coa comedia O Porco de Pé  

 A cita será o venres 29 de setembro, ás 21horas, no Centro Cultural 


Tres fenómenos da interpretación e da comedia: Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo, da compañía Produccións Excéntricas
Foto: Cedida

Infogauda / A Guarda  

 O outono comeza na Guarda da man do teatro coa obra O Porco de Pé, da compañía Produccións Excéntricas, que recupera este clásico da obra de Vicente Risco, co desexo de perpetuar a vixencia daquela sátira, pero por enriba de todo facernos rir.  

 Estreada en marzo de 2022 en Ourense e tras percorrer gran parte de Galicia, o público da Guarda poderá gozar desta representación o vindeiro venres 29 de setembro ás 21h, no Centro Cultural. 

 A entrada será de balde até esgotar o aforo da sala.  

 Vai  para cen anos que o autor ourensán, detectou unha nutrida presenza porcina vestida con elegantes abrigos e chapéus a confundirse cos propios burgueses. A divertidísima sátira de Risco, a medio camiño entre o circo, o barracón, os fantoches e o cabarete, ten hoxe mais vixencia que nunca. Nesta viaxe á fascinante década do 20 do século XX, pasarán como nunha linterna máxica, anarquistas, esportistas, agraristas, proxenetistas, golpistas, vanguardistas, caciquistas, futuristas, pasadistas e presentistas.  

 O Porco, o animal totémico dos cocidos e dos entroidos, toma os teatros para demostrar a sua superioridade sobre os seres humanos. O que presenta Excéntricas é un teatro de barracón, aquel que, na infancia, nos fascinaba e nos asustaba a partes iguais. Un farol mortizo, un chan de serrín, unha cortina vermella e, de súpeto, aparece o porco en elegante pose de equilibrista a sosterse sobre os pés, a finxirse un ser humano con tanta graza, que resulta imposible distinguilo.  

 Para dar vida á galería zoolóxica contamos con tres fenómenos da interpretación e da comedia: Patricia Vázquez, Víctor Mosqueira e Evaristo Calvo. Mentres que na parte artística complementase coa plástica de Carlos Alonso, no mundo sonoro; o ventrílocuo Piti Sanz, na luz; o acrobata Octavio Mas; e na dramaturxia e dirección unha besta de dúas cabezas: Pepe Sendón e Quico Cadaval.  

Ningún comentario:

Publicar un comentario