ANABAM PUBLICOU O "CARRIZAL" Nº 12,
ÉPOCA II
Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda
Como habiamos avanzado en datas precedentes, a Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), vén de publicar os boletíns "Carrizal", correspondentes ao ano 2022, época II. Dese xeito, ao habernos ocupado do número 11, nesta ocasión imos comentar o contido do "Carrizal" nº 12. Comezamos indicando que na súa portada figura unha fermosa fotografía - da autoría de Luis Dorado Senra - dunha eriuga de Brithys crinis. Trátase dunha especie de lepidóptero ditrisio da familia Noctuidae. É unha bolboreta nocturna propia dalgúns ecosistemas dunares costeiros.
E nas páxinas interiores, ademáis informar sobre a composición da xunta directiva de ANABAM, e outras informacións (nº de teléfono / WhatsApp, enderezo electrónico, etc.), figuran os seguintes traballos.
• Outras labras castrexas, de Antón Ferreira Lorenzo.
• Casa Forestal de Oia, de Agustín Ferreira Lorenzo.
• Esteiro do Miño. Aves na corda frouxa, de Agustín Ferreira Lorenzo.
• Zerynthia rumina, de Agustín Ferreira Lorenzo.
• Herba da Pampa (Cortaderia selloana) no municipio de Oia, de Adrián Fernández Venade.
• Diminúe o poboación de corvos mariños?, de Agustín Ferreira Lorenzo.
• Árbores extraordinarias do Baixo Miño: Araucaria da Pousa do Bispo
Araucaria da catedral de Tui.
Varios autores.
• Grupo de Xóvenes Ecoloxistas Guardeses, de Agustín Fertreira Lorenzo.
• Cousas de ANABAM (Oferta de emprego; Non ás actividades cinexéticas; Saídas de campo; Rescatado un arao papagaio. E un corvo mariño; Prácticas externas para estudantes de Bioloxía e Ciclos Formativos en medio ambiente; Proxecto andoriña; ANABAM pide a Costas a protección da Honckenya peploides, en Mougás (Oia); Seixal da costa sur guardesa... imos a por un ENIL?; Proxecto RENABAR; Pilas botón, pioneiros no estado español; Abellarucos no Baixo Miño).
O boletín "Carrizal" é unha publicación de periodicidade bimestral, íntegramente en galego, da Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), que conta cunha subvención do Concello de A Guarda.
As persoas socias de ANABAM teñen o "Carrizal" incluído na cota de socio (normal: 40 euros/ano; socio familiar: 1º socio 40 euros; resto dos socios familiares. 5 euros/ cada un).
As persoas que ainda non sexan asociadas poden subscreverse ao "Carrizal". 6 números/ano: 35 euros.
Desde Infogauda queremos poñer en valor toda a actividade que dende súa fundación vén realizando ANABAM no que respecta a observación, defensa, protección, estudo e divulgación do patrimonio natural, etnográfico e cultural do Baixo Miño galego-portugués. E por si todo iso, a algunhas persoas non lles parece suficiente, engadimos: por concienciar a cidadanía respecto aos valores que posúe a contorna do Baixo Miño; democratizar o acceso de toda a poboación ao desfrute - respectuoso e responsable - da biodiversidade); e ser un facho cultural que - contra vento e maré - permanece aceso alumeando - e sensibilizando - a toda a sociedade civil, que lexítimamente ten dereito a ser copartícipe da beleza da natureza, que nos foi legada, e que - entre todos - temos o deber de coidar para as xeracións que nos sucedan. E nese reto, todos - sen excepción - debemos estarmos comprometidos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario