22 de xul. de 2023

A GUARDA

ANABAM VÉN DE PUBLICAR OS SEIS BOLETÍNS "CARRIZAL" DO EXERCICIO DE 2022


Portada do "Carrizal" nº 11 (Época II), correspondente á xaneiro/febreiro de 2022
Foto: Infogauda


Ricardo Rodríguez Vicente / A Guarda

 Das mans de Agustín Ferreira Lorenzo, presidente e membro cofundador da Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM), e a súa vez, editor e coordinador de "Carrizal", publicación periódica bimestral desa entidade medioambientalista; vimos de recibir os boletíns - da Época II -, números 11, 12, 13, 14, 15 e 16, correspondentes a xaneiro/febreiro, marzo/abril, maio/xuño, xullo/agosto, setembro/outubro, e novembro/decembro de 2022.

 Trátase un impagable agasallo - que agradecemos -, non soio polo custe material que conleva a publicación do "Carrizal" - que conta cunha subvención económica do Concello de A Guarda -, senón polos interesantes contidos que a xeito de pílulas de coñecemento, estudos, investigación, recompilación e traballo de campo, teñen cabida en cadanseu dos números editados e que en boa hora veñen de ver a luz.

 Para que non resulte excesivo, nesta ocasión non imos referirnos aos contidos de todos e cada un dos números publicados. Agardamos ter oportunidade de facelo nas vindeiras semanas. Dese xeito, nesta crónica tan soio nos ocuparemos de mencionar algunhas das informacións recollidas no "Carrizal" nº 11, en cuxa portada figura unha fotografía - da autoría do fotógrafo naturalista Luis Dorado Senra -  dun exemplar de Melolontha melolontha, insecto coleóptero de dous a tres centímetros de longo.

 Nas páxinas interiores, ademais de indicar os nomes e apelidos das persoas que forman parte da directiva de ANABAM, así como seus respectivos cargos nesa entidade, vemos, entre outras informacións, un estudo sobre a "Esvástica do Miño", de Antón Ferreira Lorenzo; "Fauna silvestre atropelada. Resumo ano 2021",  de Xabi Pin, "Tanymastix stagnalis. Unha xoia do xurásico na Groba", de Agustín Ferreira Lorenzo; "Lindbergh no Miño". Recompilado por Agustín Ferreira Lorenzo;"Esteiro do Miño. Datos relacionados coa súas protección"; "Baltasar Merino". Recompilación Antón Ferreira Lorenzo; "Árbores extraordinarias do Baixo Miño. Aguacate de San Xoán de Tabagón"; "Aligustre". Varios autores; "Visto nas redes"; "Cousas de ANABAM (Proxecto Borrelho; Contaminación fluvial; Censo de acuáticas xaneiro-febreiro, 2022; Limpeza costeira: Actividade nocturna; Aves de rapina; Nova publicación editada por ANABAM: "Gaivotas na Guarda"; "O Carrizal dos anos 2020 e 2021 en internet"; "Decoración Nadal"; "Escrito dirixido ao Concello da Guarda"; "As empresas de telefonía deixan restos das bridas na rúa"; "A Weeden Foundation doa 6.500 euros a ANABAM"; "Pías salineiras"; "Alegacións ao parque eólico Albariño I"; "Proposta dunha charca artificial para anfibios"; "Xuntanza ordinaria"; "Actividades, actos e acción prevista para o ano 2022"; "Atlas de vertebrados do Baixo Miño")

 Toda esa heteroxeneidade temática, danos unha idea da intensa actividade que, en diversas áreas, realizan os membros de ANABAM, unha asociación envorcada na observación, defensa, protección, estudo e divulgación do patrimonio natural, etnografico e cultural do Baixo Miño galego-portugués. Son, na opinión persoal deste cronista, motivos máis que suficientes para que a institución máis próxima - para entendernos, o Concello de A Guarda - vaia pensando nun máis que merecido recoñecemento público a Asociación Naturalista "Baixo Miño". 

 Motivos? Por todo o moito - documentado, e por conseguinte medible -  que os membros de ANABAM levan achegado á comunidade, desde 1985 - ano da súa fundación - ata o día de hoxe. 

 De non ser antes, unha magnífica oportunidade para tributarlle ese recoñecemento a ANABAM ben podería ser en 2025, cando a asociación cumpla seu 40º aniversario.

Ningún comentario:

Publicar un comentario