Mensaxe do Concello sobre a conservación dos bens públicos ante actos de vandalismo
• As rúas, o mobiliario, os vehículos e os fornecementos, son de todas e todos os guardeses e están á súa disposición, polo que deben de coidarse e respectarse como tal.
Concello de A Guarda
Tras un Domingo do Monte de troula e xuntanza, queremos facer unha pequena reflexión sobre diferentes actos que tiveron lugar durante a noite deste domingo e que están totalmente fóra do que realmente significa a nosa festa grande.
Todos somos conscientes de que durante os días das festas prodúcese unha gran concentración de xente na nosa vila, implicando un enorme esforzo por parte dos traballadores e traballadoras municipais en materia de limpeza, orde público e mantemento, de maneira que as nosas rúas luzan da mellor maneira durante estes días tan especiais para todas e todos nós. Sen embargo e desgraciadamente, as accións duns poucos van máis alá, producindo danos de consideración no mobiliario urbano, fornecementos e incluso vehículos municipais. É preciso recordar que, as accións de vandalismo, ademais das posibles consecuencias legais que poidan derivarse das mesmas, implican unha dedicación de recursos públicos, tanto humanos coma económicos, para a recuperación do mobiliario ou os equipamentos vandalizados, que se deixan de dedicar á mellora ou conservación doutros elementos.
A sociedade guardesa somos unha sociedade pacífica e respectuosa e non debemos tolerar que uns poucos provoquen este tipo de danos e desperfectos, difundindo unha imaxe da nosa vila como un lugar sen orde e sen lei. As rúas, o mobiliario, os vehículos e os fornecementos son de todas e todos os guardeses e están á súa disposición, polo que deben de coidarse e respectarse como tal.
A Guarda é a nosa casa e así debemos coidala, erradicando das nosas rúas comportamentos incívicos e vandálicos, ben sexan o Domingo do Monte ou calquera outro día do ano; porque o coidado e o respecto do que é noso é fundamental para que A Guarda sexa sempre un lugar admirado por nós, como guardesas e guardeses, así como por todos aqueles que nos visitan.
(R.)
Ningún comentario:
Publicar un comentario