O PSOE NON QUIXO UN ACORDO DE GOBERNO EN TUI
BNG / Tui
O BNG de Tui quere informar á opinión pública que despois dun proceso de negociación co PSOE lamentablemente no se alcanzou un acordo para un goberno de coalición.
Nós sempre manifestamos de forma repetida durante a campaña electoral, a mesma noite electoral e en entrevistas posteriores, a nosa disponibilidade para conformar un goberno progresista en Tui.
Pola contra, na mesma noite electoral e en entrevistas posteriores, incluso xa iniciadas as negociacións, o candidato do PSOE mostrouse reacio a pactar e manifestaba a súa intención de gobernar en minoría. Tardou ata nove días en contactar co BNG. Iso é moi revelador do pouco interés en formar un goberno con nós.
Pese a isto, puxemos todo o noso empeño en que ese acordo se producira. Nese sentido, cando fomos convocados polo PSOE, aportamos unha comparativa dos programas electorais de ambos partidos, área por área, proxecto por proxecto, e empezamos a negociación en base a eles. Aportamos incluso deseños dos nosos proxectos e propostas. Durante a negociación, o BNG mostrouse disposto a ceder en moitos puntos en que mantíñamos opinións diferentes, aceptando as súas propostas pero non houbo na outra parte verdadeira intención de pactar.
O PSOE non fixo absolutamente ningunha cesión en puntos nos que discordábamos, nen sequera nos dous únicos que para nós eran irrenunciables: a non construcción dun aparcamento soterrado na traseira da Área Panorámica e evitar o derrube da casa e o traslado do hórreo da finca Patazumba. Chegados a este punto, rompéronse as negociacións.
O BNG constata que con elas o PSOE pretendeu cumprir un paripé cara á sociedade tudense, pero non tiña intención real de negociar: xa tiña decidido gobernar en minoría, como declarou de forma reiterada o alcalde.
A asemblea do BNG de Tui, celebrada o día tres de xullo, foi informada con detalle do proceso de negociación e decidiuse que desde este momento o BNG confórmase formalmente como oposición e que exercerá ese papel de forma constructiva e firme.
(R,)
Ningún comentario:
Publicar un comentario