6 de xul. de 2023

SANTIAGO DE COMPOSTELA

Saúde Mental FEAFES Galicia reúne este venres a arredor de 100 persoas no XIV campionato de fútbol sala “Todos polo fútbol”  

O torneo, no que participan seis equipos de persoas con problemas de saúde mental, terá lugar no Pavillón de Fontiñas (Santiago de Compostela). 

O obxectivo do encontro é promover o deporte entre as persoas deste colectivo e fomentar a práctica de ocio normalizado.

  



Elena Rodríguez Pérez / Santiago

 Saúde Mental FEAFES Galicia celebra este venres, 7 de xullo, o XIV campionato de fútbol sala “Todos polo Fútbol”, un encontro deportivo no que participarán seis equipos de asociacións galegas de saúde mental. 

 O torneo terá lugar no Pavillón de Fontiñas, en Santiago de Compostela, a partir das 10:00 da mañá. Disputaranse diversos partidos ao longo de toda a xornada que culminarán coa final, que terá lugar a primeira hora da tarde. Os equipos participantes pertencen a entidades federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas), Lenda (Redondela), Avelaíña (Ponteareas), FEAFES Vigo e FEAFES Santiago.  

 Ademais desta copa, no encontro celebrarase tamén a final da liga “A Nosa Champions” que comezou no mes de xaneiro. Esta competición, creada por Saúde Mental FEAFES Galicia, está organizada pola Real Federación Galega de Fútbol a través da Fundación do Fútbol Galego e conta co patrocinio de Saunier Duval. Na final enfrontaranse os equipos Lenda de Redondela e Alba de Pontevedra. Finalmente, ás 17:30 realizarase a entrega de premios aos campións de liga e de copa, do mesmo xeito que se entregará unha medalla a cada participante. 

 Saúde Mental FEAFES Galicia estima que a este evento acudirán arredor de 100 persoas entre participantes e acompañantes, pois trátase dunha actividade que conta cunha gran acollida e interese por parte do movemento asociativo de saúde mental.  

 O evento, organizado polo servizo de Ocio e Deportes de Saúde Mental FEAFES Galicia, ten como obxectivo promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofren. A través deste torneo, Saúde Mental FEAFES Galicia e as súas asociacións amosan á sociedade unha imaxe normalizada das persoas con problemas de saúde mental, loitando de modo activo contra os estereotipos negativos e os falsos prexuízos que se asocian a elas. 

 As actividades organizadas polo servizo de Ocio e Deportes axudan a mellorar a calidade de vida das persoas con problemas de saúde mental e das súas familias, pois os seus participantes rompen coa rutina diaria, realizan actividade física dende unha perspectiva lúdica, enriquécense culturalmente, socializan e intégranse na sociedade. Á súa vez, permiten un respiro ás familias nas súas tarefas de coidados.  

 Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995 coa misión de representar e defender os dereitos e necesidades das persoas con problemas de saúde mental. De carácter social, esta entidade ten como obxectivo principal a mellora da calidade de vida destas persoas e das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega con centros e servizos en preto de 30 localidades.

Ningún comentario:

Publicar un comentario