26 de xul. de 2023

O ROSAL

A Banda da Agrupación Musical do Rosal puxo o broche de ouro ás festas do verán do Pilar 

Máis de 400 persoas asistiron ao concerto que puxo fin a catro días de celebración, cheas de actividades culturais e artísticas  

  

A Banda da Agrupación Musical do Rosal pechou cun gran éxito de público as festas do verán do Pilar
Foto: C.O.R.

Infogauda / O Rosal

 A Banda da Agrupación Musical do Rosal pechou cun gran éxito de público as festas do verán do Pilar, no concello do Rosal, que contaron cunha decena de actividades para todos os públicos. A Banda, acompañada da soprano Ana San Martín e o tenor Enrique Martínez, levaron ao público a un percorrido polos mellores musicais de Broadway. 

 As actividades musicais das festas arrancaron o pasado sábado co concerto de Uxía e Javier Ruibal, que ateigaron a praza do Calvario. Este espazo público foi tamén o escenario do espectáculo infantil Pinga Pinga e do concerto do grupo galego Helen & Shanna.  

 O luns, o Festival Xente Xida superou as expectativas coas excelentes actuacións de Trebón dos Xidos, Os Melidaos e A Requinta da Laxeira. Nesta quinta edición deste festival, a praza do Calvario viuse ateigada pola afluencia de público.  

 O peche das festas tivo lugar onte con numerosas actividades. Comezou cunha misa de mañá, cantada pola Coral Ecos do Folón, e pola tarde xogouse o  IV Torneo de Xadrez Concello do Rosal, grazas á colaboración do Clube de Xadrez Albatros, e contou con 90 participantes. 

 O público infantil gozou do espectáculo ‘Trogloditas na rúa’ de Tanxarina, e á noitiña o Encontro dos Pobos uniu en escena aos grupos de baile tradicional galegos Vento Mareiro e Do Lusco ó Fusco, cos polacos Bychlewianka.  

 Desde o Concello agradecen a súa asistencia a todas as persoas que se achegaron a gozar da música e as actividades das Festas do verán do Pilar, que superaron as expectativas de público, así como a todos as asociacións, artistas e técnicos que fixeron actuacións do máis alto nivel para todos os rosaleiros e rosaleiras. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario