26 de xul. de 2023

A GUARDA

A Guarda prepárase para unha fin de semana chea de creatividade. gastronomía, música, malabares, e navegación no volanteiro "Piueiro"  

A Festa do Peixe Espada, a Mostra Creativa e un espectáculo de música e malabares, son algunhas das propostas para a próxima fin de semana




Infogauda / A Guarda

 A Guarda vai rematar o mes de xullo con novas iniciativas para todas as idades. Dende OR.PA.GU. organízase a XVIII Festa do Peixe Espada, que será inaugurada este venres día 28 de xullo ás 19:00h no salón de plenos do Concello de A Guarda. 

 O evento gastronómico terá lugar nun total de 16 establecementos de hostalaría do municipio que dende o 28 e ata o 30 de xullo ofrecerán diferentes pratos especiais (como a zorza, empanada, á cazuela, en escabeche, á brasa,...)  elaborados con peixe espada. 

 A maiores a Festa do Peixe Espada inclúe diferentes actividades de dinamización con obradoiros, exposicións, pasacalles,... Toda a información pódese consultar na web https://orpagu.com  




  Seguindo coa programación da fin de semana, este sábado terá lugar a III Mostra Creativa do Baixo Miño. Unha aposta polo emprendemento e por visibilizar a gran cantidade de marcas e talentos creativos que temos na nosa comarca, xa sexan de artesanía ou en formas máis modernas de expresión. 

 Ao igual que o ano pasado, a Mostra coincidirá en data coa Festa do Peixe Espada, polo que existirá unha programación de actividades conxunta e que complemente a ambos eventos. 

 Xa son máis de 20 os inscritos para esta terceira edición, entre eles: Acontravento (roupa), Anxo Ferreira (cantería), Vikensen (madeira), Merino Coqueta (Fieltro e lá), Little Vero (roupa), Vargas Lemos (xoieria), Mar.jewelrin (xoieria), Coco bisutería (xoieria), Sapone di Principesca (cosmética natural), É Fish (xoieria), Marina Alonso San Miguel (ilustracións), Sapoconcho (ilustracións), Tullavecord accesorios (en madeira, resina, etc.), Cuchituras design (accesorios para o pelo), La Casa Taller (pintura), Pazosketchbook (pintura), Luc&Luc (roupa), Sil Domínguez (roupa),  Breaktime (Ilustración sobre prendas) e Lana (Amigurumis).  




 O vindeiro sábado 29 de xullo ás 20:30h., no auditorio de san Bieito celebrarase unha das grandes citas culturais deste verán. Un concerto onde os malabares serán os bailaríns dun ballet aéreo, ao ritmo dos clarinetes, saxos e trompetas da Banda da Agrupación Musical de A Guarda, que farán de pintores dun cadro expresionista no que as bolas, mazas e aros debuxarán no ar os sentimentos e emocións que transmiten a música e o circo. O espectáculo Orquestra de malabares é na actualidade un dos proxectos máis orixinais e suxerentes no eido escénico en Galicia, concebido pola prestixiosa compañía de circo Pistacatro. Está ideado para poder ser desfrutado por público de todas as idades, albergando un especial valor familiar e educativo debido ó contido pedagóxico que inspira todo o proxecto. 

 Sen dúbida a emoción e a diversión están garantidas, para crianzas, adultos, amantes da música, para pasar un bo rato. 

 Este espectáculo é financiado parcialmente con cargo ao programa "Cultura no Camiño 2023", do AGADIC - Xunta de Galicia, e para facerse realidade precisou do traballo conxunto  - que se remonta a principios de 2023 -, da compañía Pistacatro e a Agrupación Musical de A Guarda.  




 O Padroado Municipal Monte Santa Trega ofrece unha temporada máis, as visitas guiadas ao poboado castrexo do monte Santa Trega, para que visitantes e veciños poidan coñecer mellor o valor arqueolóxico dese enclavee. 

 Para os meses de maior afluencia, xullo e agosto, amplíase a oferta con visitas de martes a domingo e 4 quendas ao día (12:00, 13:00, 18:00 e 19:00h). Deste xeito, as persoas interesadas terán a oportunidade de coñecer a cultura castrexa e a nosa paisaxe. Tan só hai que estar a hora indicada no punto de encontro (antiga casa forestal). 

 Para calquera dúbida poden consultar directamente no Museo Arqueolóxico, no teléfono 690 017 038 (tamén WhatsApp) ou enviando un correo electrónico a masat@aguarda.es. A visita guiada é gratuíta, pero aquelas persoas que accedan ao monte Santa Trega en vehículo deberán abonar o prezo público establecido. 

 A duración aproximada é 45 minutos e o punto de encontro é o aparcadoiro da Casa Forestal desde onde se partirá para comezar esta fermosa ruta polo interior do castro escavado.  

 



 A pasada semana inaugurouse na Casa dos Alonso a exposición de pintura “Catro médicos pintores en A Guarda”, que recolle diferentes obras pictóricas de catro compañeiros de profesión que comparten tamén a súa paixón pola arte. Nela se poden observar diferentes maneiras de entender e plasmar as variadas percepcións dos seus autores: Leopoldo García, Pablo Galego, Jesús Vázquez e Tino Cuesta.

A exposición “Catro médicos pintores en A Guarda” estará aberta ao público ata o 31 de xullo en horario de 9:00 a 14:00h de luns a venres. 




 O Concello de A Guarda colabora un ano máis coa Asociación Cultural de Embarcacións Tradicionais Piueiro e durante os meses de verán estánse realizando saídas gratuítas de navegación pola costa, a bordo do volanteiro "Piueiro".

 O prazo de inscrición abrirase o domingo anterior ás saídas desa mesma semana e poderase realizar presencialmente na Oficina de Turismo, mediante un correo electrónico aguarda.oficina.turismo@gmail.com ou chamando ao teléfono 986 614 546 a partir das 10:00h, horario de apertura do domingo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario