21 de xuño de 2023

PONTEVEDRA

CÉSAR MOSQUERA, VICEPRESIDENTE DA DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA, ANUNCIA QUE SEGUIRÁ COMO DEPUTADO NA OPOSICIÓN E OFRECE A SÚA EXPERIENCIA NA XESTIÓN PARA AXUDAR AO NOVO GOBERNO  

O nacionalista sinala que a súa maior satisfacción nos últimos anos foron as políticas transparentes e ecuánimes e o cambio de dinámicas no Museo de Pontevedra   

Asegura que o PP demostra “non saber xestionar unha vitoria que lle chegou por sorpresa” ao acusar ao goberno saínte de tomar decisións que comprometen o futuro da institución     


O vicepresidente en funcións César Mosquera, con Marta Ortega, deputada en funcións de Língua, Patrimonio e Memoria Histórica, no almorzo informativo desta mañá

Fotos: Rafa Estévez




Infogauda / Pontevedra

 O vicepresidente en funcións César Mosquera compareceu hoxe nun almorzo informativo para anunciar que seguirá como deputado provincial na oposición os vindeiros catro anos e ofrecer a súa experiencia na xestión para axudar ao novo goberno entrante. O nacionalista destacou que polo ben dos cartos e as políticas públicas agarda que os próximos catro anos vaian en positivo.  

 O responsable provincial destacou que na decisión do seu futuro tivo “moito peso” a opinión do alcalde de Pontevedra, quen consideraba que era importante que estivera no organismo provincial. “Aquí estaremos outra vez. Temos unha ampla experiencia e ningún problema para estar na oposición. Hai unhas condicións e características diferentes. Pero para o bo funcionamento da institución,  para min a oposición é tan importante como o goberno”, destacou. Subliñou que no pasado, dende a bancada nacionalista na oposición, téñense acadado avances e cambios positivos nos comportamentos de gobernos ‘populares’.   

 Con respecto ao futuro goberno tendeu a man para colaborar. Salientou que “ninguén agarde de nós que poñamos deberes, ou que esteamos pensando nas maldades que van facer, ou na marcaxe que debemos facer. Estamos a falar de cartos e políticas públicas e, polo tanto, o que agardo é que o fagan moi ben, se pode ser mellor do que o fixemos nós, mellor, porque sairemos todos beneficiados”, dixo, para subliñar tamén que “se vemos que as cousas non van por onde deben ir seremos firmes”.  

 Destacou que aínda non falou co futuro presidente, algo que agarda facer nos vindeiros días, para ofrecer a súa total disposición e aportación para que o funcionamento da institución sexa bo. “Así o fixemos con Abeledo, Louzán... e o faremos con este. Non hai obriga de nada. Que non se entenda que esiximos que conten coa nosa experiencia. Que fagan o que ben entendan. A oferta queda aí. Nin agardamos gobernar nin ter espírito de ‘revancha’”, matizou.  

 En relación ás críticas sementadas polo PP nos últimos días asegurando que por parte do goberno saínte se están a tomar decisións que comprometen o futuro da Deputación, o vicepresidente preguntou a que medidas concretas se refiren os ‘populares’. Explicou que o pleno deste venres do PON2030 foi acordado antes das elección co beneplácito do grupo do PP. Tamén dixo que as decisións ordinarias se están a tomar para non paralizar a administración, e como exemplo sinalou que onte mesmo asinou a contratación dun estudo de paramentos dos edificios centrais do Museo que esixe Patrimonio.   

Fitos  

 Ante as preguntas dos xornalistas, o vicepresidente salientou que nos últimos oito anos os fitos a destacar tendo participado no goberno son principalmente ter acabado coas prácticas de caciquismo anteriores implantando transparencia e ecuanimidade no reparto de fondos. “Eu entrei aquí cando os fondos se repartían co divino dedo do presidente. Aquí houbo aire fresco e avanzouse en residuos, no monte, en igualdade...”, lembrou.  

 Tamén, e de maneira concreta, destacou que no último mandato foi satisfactoria a súa actuación no Museo, unha responsabilidade que segundo confesou foi “practicamente obrigada” por asignación da presidenta Carmela Silva. “Tíñalle medo á xestión, porque o Museo ten unha traxectoria. Tiña síntomas de esgotamento e durou 8 ou 10 anos máis do que debería. Cambiar dinámicas non é fácil, (...) pero xuntáronse certas circunstancias e os cambios aceptáronse”, dixo, para comezar a facer políticas “extraordinarias”.  

 En calquera caso, Mosquera quixo insistir no seu convencemento de que as Deputacións necesitan ou ben desaparecer ou cambiar o seu formato e réxime xurídico de forma radical. “Son artefactos anacrónicos e mal implicados co resto. Non se sabe quen se presenta nin que programa levará. O método de elección é tamén unha aberración. (...) É algo fundamentalmente perverso”, subliñou, asegurando que a xustificación de que a administración provincial debe axudar aos concellos pequenos non se cumpre na realidade, xa que realmente non corrixe orzamentariamente os problemas dos concellos máis despoboados.

Ningún comentario:

Publicar un comentario