A Guarda Mar de Blues regresará os días 7 e 8 de xullo na praza do Reloxo
• Grandes figuras nacionais e internacionais do mundo do blues porán A Guarda no mapa deste xénero musical
Foto: C.A.G.
Infogauda / A Guarda
Ao mediodía deste mércores día 21 de xuño, no salón de plenos da Casa dos Alonso, celebrouse a presentación oficial da terceira edición do festival musical A Guarda Mar de Blues, que chegará á praza do Reloxo, os días 7 e 8 de xullo.
No acto de presentación aos medios de comunicación estiveron presentes o alcalde de A Guarda, Roberto José Álvarez Carrero, o concelleiro Fernando Reyes González, e en representación do festival Óscar Martínez.
Roberto José Álvarez Carrero deu a benvida aos asistentes a esta presentación destacando a importancia de que este festival chegue á súa terceira edición, cunha organización impecable e que traerá á Guarda a artistas moi recoñecidos que promoverán a música blues no municipio.
O concelleiro Fernando Reyes valorou moi positivamente a celebración da terceira edición de A Guarda Mar de Blues, posto que axuda a converter A Guarda nun punto de referencia musical na comarca do Baixo Miño, cun evento cultural que se celebra nun espazo patrimonial tan importante para a vila como é a praza do Reloxo, dinamizando tamén a economía local en todos os seus ámbitos, posto que traerá á nosa vila a numerosos asistentes de varios puntos de Galicia, España e Portugal.
Óscar Martínez Martínez destacou os músicos que visitarán A Guarda os días 7 e 8 de xullo, grandes referentes que farán as delicias dos asistentes coa súa calidade e experiencias musicais, coma é o caso de Tommy Castro & The Painkillers, Javier Turnes & The Hake Men, Mingo Balaguer & Pablo Sanpa ou Julián Maeso.
Nos vindeiros días anunciaranse os horarios definitivos desta terceira edición de A Guarda Mar de Blues.
Ningún comentario:
Publicar un comentario