A DEPUTACIÓN DE PONTEVEDRA ABRE ESTE VENRES A EXPOSICIÓN “BLANCO Y NEGRO” DE TATSIANA AUSIANAYA NO PALACETE DAS MENDOZA
Trátase dunha colección pictórica composta por 16 cadros que se poderá visitar ata o 18 de xuño na sala de exposicións da sede de Turismo Rías Baixas
Infogauda / Pontevedra
A Deputación de Pontevedra abre ao público este venres a exposición “Blanco y Negro”, unha colección pictórica elaborada pola artista Tatsiana Ausianaya e que estará dispoñible na sala de exposicións do Palacete das Mendoza, sede de Turismo Rías Baixas, ata o próximo domingo 18 de xuño. Trátase dunha colección de 16 cadros, obras artesanais cunha gama cromática pouco variada, baseada no branco e o negro, esas dúas cores “tan antagónicas como necesarias na historia da arte”: a combinación máis difícil de encaixar pero que, porén, é e sempre será un clásico en ámbitos como o deseño de interiores.
“Blanco y Negro” foi creada entre os anos 2020 e 2023, nunha época que a artista considera “unha das máis duras” por mor das crises xeradas pola COVID-19 e a guerra de Ucraína. Nesta mostra, Tatsiana Ausianaya pinta en branco e negro para retratar as ideas sen cores e sen aditivos, mesturando os límites do deseño de patróns, empregando a ilustración para transformar os espazos e amosando a expresión espida e natural da vida. A colección reta as persoas espectadoras e aprender a mirar e descubrir, á vez que obriga a fixarse nos detalles do contraste.
A exposición pode visitarse nos horarios habituais da sala de exposicións do Palacete das Mendoza: de luns a venres, entre as 9:00 e as 20:00 horas. Os sábados, de 10:00 a 14:00 horas e de 17:00 a 19:00 horas. E, finalmente, de 10:00 a 14:00 horas os domingos e días festivos.
Ningún comentario:
Publicar un comentario