Máis de 60 persoas promoven a saúde mental a través do deporte nunha xornada de convivencia
• O vindeiro venres 2 de xuño, máis de 60 persoas con problemas de saúde mental procedentes de toda Galicia xuntaranse na contorna da Coruña para gozar dunha xornada de deporte e convivencia.
• O encontro, organizado pola Escola de Tenis Marineda e por Saúde Mental FEAFES Galicia, incluirá actividades de tenis, pádel, fútbol e baloncesto sen ánimo competitivo.
Ana Escrigas Rodríguez / A Coruña
O vindeiro venres 2 de xuño, a Escola de Tenis Marineda acollerá nas súas instalacións en A Barcala (Cambre) o II Encontro Multideporte organizado pola citada escola en colaboración con Saúde Mental FEAFES Galicia. Neste encontro, que se desenvolverá ao longo da mañá de 10h a 14h, participarán máis de 60 persoas con problemas de saúde mental procedentes de toda Galicia.
O encontro, cun marcado carácter lúdico e de convivencia, incluirá actividades de tenis, pádel, fútbol e baloncesto. Divididas en grupos de arredor de 15 integrantes, as persoas participantes rotarán polas catro estacións nas que os monitores e monitoras realizarán clases prácticas ou xogos relacionados con cada deporte. Deste xeito, as persoas asistentes terán un primeiro contacto coas disciplinas deportivas do tenis e o pádel, dirixidas por monitores da Escola de Tenis Marineda, e outras alternativas máis lúdicas nas estacións de fútbol e baloncesto, deportes tradicionalmente máis coñecidos.
As persoas que participarán nesta actividade pertencen a diversas asociacións federadas en Saúde Mental FEAFES Galicia: APEM (A Coruña, Cee e Culleredo), Saúde Mental Ferrol (Narón), Andaina (Ordes e Dodro), Alba (Pontevedra), Doa (Vigo e Cangas) e Avelaíña (A Guarda, Baiona e Ponteareas).
O obxectivo do encontro é promover o deporte en igualdade, impulsar a actividade física entre as persoas con problemas de saúde mental e loitar contra o estigma social que sofre este colectivo. Ademais, esta actividade permite ás persoas participantes romper coa rutina, relacionarse con outras persoas e socializar, mellorando así o seu autoestima e benestar. Tras a xornada deportiva, realizarase unha foto de grupo e, posteriormente, as persoas participantes gozarán dunha comida de convivencia na Escola de Tenis Marineda.
Saúde Mental FEAFES Galicia
Saúde Mental FEAFES Galicia é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 1995. A súa misión é representar os dereitos e necesidades do movemento asociativo das persoas con problemas de saúde mental e mellorar tanto a súa calidade de vida como a das súas familias. Actualmente agrupa a 12 asociacións repartidas por toda a comunidade galega que posúen centros e servizos en máis de 30 localidades.
Escola de Tenis Marineda
A Escola de Tenis Marineda naceu en marzo de 1997 da man dos irmáns Juan e Miguel A. Hernández Rey co obxectivo de popularizar a ensinanza do tenis e facela absequible a todos os públicos, sen a imperiosa necesidade de pertencer a un club privado. Hoxe en día conta cunha dilatada traxectoria e recoñecemento na ensinanza do tenis e do pádel, contando cunhas boas instalacións e un amplo alumnado. Organiza anualmente varias ligas e rankings, ademais de tres torneos para todas as categorías con importantes premios nos que conta cunha masiva participación entre os xogadores e xogadoras coruñeses.
Ningún comentario:
Publicar un comentario