12 de maio de 2023

VIGO

A CIG-Saúde de Vigo consolídase como primeira forza sindical no servizo de Atención Primaria da área sanitaria  

 Reforzou a segunda posición a nivel comarcal nas eleccións sindicais do Sergas ao sumar máis de 100 votos con respecto ás anteriores 


Infogauda / Vigo

 A CIG-Saúde de Vigo vén de consolidarse como primeira forza sindical no servizo de Atención Primaria da área sanitaria e reforzou a segunda posición a nivel comarcal nas eleccións sindicais celebradas no Sergas ao sumar máis de 100 votos con respecto ás anteriores. No conxunto do país a central sindical revalidou a súa condición de sindicato maioritario na sanidade galega. 

 No proceso celebrado onte a CIG-Saúde de Vigo obtivo 7 delegadas/os grazas aos 698 votos colleitados, a mesma representación que CCOO, que sumou unicamente 35 votos máis. En terceira posición situouse o CSIF con 4 delegadas/os (402 votos), o cuarto lugar foi para Omega (399 votos) e o quinto para Prosagap (374 votos). O resto da representación foi para Satse (355 votos e 4 delegas/os), Usae (244 votos e 3 delegadas/os) e UGT (220 votos e 2 delegadas/os).  

 Ademais de no conxunto da Atención Primaria, a CIG-Saúde de Vigo foi a forza máis votada no Centro Integral de Saúde Taboada Leal e no hospital Álvaro Cunqueiro. 

 Dende a central sindical agradecen o apoio recibido das traballadoras/es e consideran que este resultado non fai máis que reforzar o compromiso de continuar coidando xuntas/os a sanidade pública. Ao tempo que se reafirman na necesidade dun sindicalismo forte que defenda non só os dereitos do persoal, senón tamén os intereses das galegas/os. 

 Para iso, comprométense a seguir combatendo a precariedade laboral, tanto do persoal fixo como do contratado, as taxas de reposición, os recortes impostos polo PP e a súa política de privatizacións. Finalmente, adiantan que seguirán a traballar por unha solución global para toda a Atención Primaria diante do fracaso das políticas sanitarias aplicadas pola Xunta na área sanitaria de Vigo.

Ningún comentario:

Publicar un comentario