MOBILIZACIÓN DO PERSOAL DE UROVESA
Este mércores día 24 de maio de 2023, ás 11:00 horas, diante da sede da empresa UROVESA (Lugar da Torre -Polígono 9 - Parcela 180. Valga, Pontevedra).
Infogauda / Valga
Traballadores/as e delegados/as sindicais da CIG-Industria no metal da provincia de Pontevedra desenvolverán unha concentración diante das instalacións de UROVESA, compañía propiedade do presidente da patronal Asime, para reclamar un convenio colectivo digno no sector. Con esta mobilización a central quere rexeitar a proposta achegada polo empresariado na última xuntanza da mesa negociadora: suba salarial “insultante” dun 4,5% total nos tres anos de duración do convenio (0,5% en 2023, 2% en 2024 e 2% en 2025), ademais de pretender introducir unha serie de recortes nos dereitos conquistados polos traballadores/as do sector ao longo de anos de loita.
Entre outras cousas, a patronal quere eliminar a limitación dos contratos por ETT, ampliar de 6 a 12 meses os contratos de duración determinada por circunstancias da produción, regular os contratos fixos descontinuos, establecer a remuneración dos contratos de formación en prácticas no que marca o Estatuto dos traballadores/as, limitar as vacacións en determinados meses do ano, suprimir os tres días de licenza por nacemento ou adopción, eliminar o plus por distancia superior a 200 quilómetros, conxelar o valor do quilómetro no caso de desprazamentos ou que o incremento salarial non se lle aplique á categoría 1.
Ningún comentario:
Publicar un comentario