23 de maio de 2023

PONTEVEDRA

No Encontro Farmacéutico do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra 

ASSEII GALARDOADA COS II PREMIOS FARMACÉUTICOS A ASOCIACIÓNS DE PACIENTES DO COLEXIO DE FARMACÉUTICOS DE PONTEVEDRA 

Os farmacéuticos de Pontevedra outorgaron a ASSEII este premio en recoñecemento ao labor que realiza para mellorar a calidade de vida das persoas afectadas por enfermidades inflamatorias intestinais e ostomizados 

O Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra valorou que ASSEII é unha asociación non profesionalizada, cuxas accións levan a cabo polos seus asociados 

▪ Estes Premios enmárcanse no Proxecto Pacientes, unha iniciativa coa que o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra amplía o seu compromiso coa sociedade e avanza na consecución da alianza da profesión farmacéutica cos pacientes 


A presidenta do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, Alba Soutelo, e a presidenta de ASSEII, Ángela Paz, xunto a membros da Xunta de Goberno do Colexio e de ASSEII.

Infogauda /  Pontevedra

 Celebrouse na Toxa o Encontro Farmacéutico do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra, no que se deron cita preto de 300 profesionais. 

 No transcurso do acto institucional deuse a benvida aos novos colexiados e fíxose entrega dos II Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra. 

 “Estes premios enmárcanse no Proxecto Pacientes, unha iniciativa coa que o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra amplía o seu compromiso coa sociedade e avanza na consecución da alianza da profesión farmacéutica cos pacientes”, sinalou a presidenta do Colexio, Alba Soutelo, no transcurso do acto. 

 O Proxecto Pacientes é un proxecto social, que integra catro acciones que o Colexio e os farmacéuticos de Pontevedra levan a cabo coas asociacións de pacientes: recoñecemento, visibilidade, formación e educación sanitaria. 

 Recoñecemento, coa concesión dos Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes, que poñen en valor a súa implicación, as súas iniciativas e o seu traballo polo colectivo ao que representan. Visibilidade, amplificando a voz dos pacientes a través da revista colexial e da sección “Espazo Solidario” da web do Colexio. Formación, organizada conxuntamente entre o Colexio e a Asociación, para profundar e actualizar os coñecementos sobre as enfermidades. Educación sanitaria, proporcionada por farmacéuticos aos pacientes para contribuír a mellorar os seus coñecementos sobre o manexo da súa enfermidade e o seu tratamento. 

 Este ano 2023 o galardón recaeu na Asociación Socio Sanitaria de Enfermidades Inflamatorias Intestinais e Ostomizados, ASSEII. 

 Para a concesión do premio, o Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra valorou as iniciativas e proxectos emprendidos por ASSEII orientados ao servizo e benestar das persoas afectadas. 

 “ASSEII é unha asociación que non está profesionalizada, senón que o seu labor depende do traballo desinteresado de persoas afectadas pola enfermidade, cuxa filosofía é devolver á Sanidade Pública e á sociedade o que lles deron, e que lles permite que hoxe poidan gozar das súas familias e levar unha vida digna. A súa procura de solucións para cada necesidade que detectan e a súa loita pola igualdade de oportunidades para as persoas afectadas por estas enfermidades failles merecedores dos II Premios Farmacéuticos a Asociacións de Pacientes do Colexio de Farmacéuticos de Pontevedra”, asegurou Alba Soutelo. Ángela Paz, presidenta de ASSEII, recolleu o galardón de mans da presidenta do Colexio, e agradeceu o recoñecemento que supón a concesión deste Premio ao labor diario da asociación que preside. Ángela cedeu a palabra a Laureano Outeda Pinzos, un membro da asociación, que transmitiu aos presentes as extremas dificultades que, como persoa afectada, atopa no seu día a día.  

 No transcurso do Encontro Farmacéutico fíxose entrega de diplomas aos novos farmacéuticos colexiados no ano 2022, que exercen no ámbito sanitario e cuxo maior compromiso é mellorar a saúde e a calidade de vida dos cidadáns. 

Ningún comentario:

Publicar un comentario