Ánxela Fernández Callís presentou xunto a Ana Pontón 12 propostas para seguir transformando en positivo O Rosal
• A portavoz nacional do BNG reforzou a candidatura nacionalista á alcaldía rosaleira nun encontro coa veciñanza na Praza do Calvario
Infogauda / O Rosal
A Praza do Calvario converteuse no escenario principal do mitin central do BNG do Rosal, un acto que contou cunha ampla participación da veciñanza no que a portavoz nacional, Ana Pontón, reforzou a candidatura de Ánxela Fernández Callís á alcaldía rosaleira. Durante o encontro, Pontón destacou que “a forza do amor foi o que nos permitiu construír un O Rosal con máis futuro” e proclamou que a actual alcaldesa e o seu equipo “conseguiron abrir un tempo novo de ilusión e esperanza para poder gozar dun concello con máis calidade de vida da man da veciñanza”.
“Queremos que o modelo do Rosal se expanda por todo o país e para iso é fundamental unha participación masiva o 28 de maio, encher as urnas de papeletas do BNG, porque como se pode ver aquí son garante de transformación en positivo”, recalcou a líder nacionalista. Para Ana Pontón na vindeira cita electoral só queda “seguir mirando cara a adiante liderados por unha muller excepcional, con moitas ganas de seguir traballando polo seu concello. Porque Ánxela foi o mellor que lle pasou ao Rosal nos últimos anos”.
Arroupada pola portavoz nacional do BNG, a alcaldesa e candidata, Ánxela Fernández Callís agradeceu a participación activa da veciñanza non só durante a precampaña e a campaña, senón durante os catro anos de goberno no Rosal nos que “rachamos moitas barreiras para poder falar abertamente, escoitar, debater e comentar directamente con todas e todos os veciños as nosas propostas”.
Cun equipo “equilibrado, preparado e capacitado” de 23 persoas implicadas e comprometidas detrás, a candidata a renovar a alcaldía presentou ante a veciñanza as 12 propostas do BNG para seguir transformando en positivo O Rosal, “un novo camiño que comezamos hai catro anos con moito traballo, esforzo, ganas, xestión e proxectos realistas e serios para facer do noso concello o lugar elixido polas persoas para desenvolver o seu proxecto de vida”.
Conectar pouco a pouco O Rosal de xeito integral, seguro e amable; recuperar o espazo público co paisaxismo como valor singular e fomentando a convivencia veciñal; traballar na transformación verde apostando pola contorna natural, o patrimonio, o sendeirismo, o turismo sostible, a eficiencia enerxética ou a colaboración coas traídas veciñais ou co futuro das comunidades enerxéticas serán algúns dos puntos nos que continuará traballando o equipo liderado por Ánxela Fernández Callís.
Catro anos por diante nos que o BNG do Rosal consolidará unha axenda de lecer, cultural e deportiva que sexa referente a nivel galego da man das asociacións, continuará fomentando a memoria viva dos rosaleiros e rosaleiras e crearán novas áreas de lecer alternativas que fomenten o encontro e unha vida saudable, seguirá apostando polo deporte base e dando pulo á educación de proximidade coa transformación progresiva das escolas unitarias e impulsará iniciativas de proximidade, novos programas de formación e seguirá loitando polo Parque empresarial para permitir un desenvolvemento económico sostible, fundamental para o asentamento poboacional.
Da man da veciñanza, Fernández Callís asegurou que o BNG camiñará no Rosal no Plan de mellora de camiños, infraestruturas, servizos e equipamentos e “seguiremos revolucionando mentes con igualdade de oportunidades, incrementando investimentos e esforzos no que non se ve, na dependencia, no benestar social, creando novos espazos para a conciliación e a inclusión cara a unha sociedade máis diversa”.
A alcaldesa e candidata salientou que nos vindeiros catro anos o goberno do BNG esixirá con firmeza e determinación uns servizos públicos de calidade diante das administracións competentes para unha vellez digna, un transporte público digno e unha sanidade pública de calidade. “Nós cremos e practicamos a política en positivo, dende a construción, o consenso, a escoita activa e o diálogo, cun equipo que se sinte orgulloso e privilexiado, que se move pola ilusión polo noso pobo, a ilusión por facer do Rosal un proxecto de suma colectiva que amplíe a súa base social cun futuro construído con todos os veciños e veciñas”.
O mitin central contou tamén coa participación de varios membros da candidatura, como Beatriz Rodríguez, que recordou ante a veciñanza que “estamos acostumados a relacionar a política con promesas de grandes obras, que tamén son importantes. Pero un Concello que realmente se preocupa polo benestar dos seus veciños e veciñas traballará nos piares básicos para mellorar a súa calidade de vida, cunha política en positivo, pensando nas persoas”.
Pola súa banda, Eduardo Guisantes quixo salientar o esforzo e dedicación de Ánxela Fernández Callís, que, “como muller rosaleira, traballou arreo estes catro anos para sacar adiante xunto co seu equipo moitos proxectos, máis que nunca na historia do Rosal. E aínda queda moito por vir”.
Mentres, Erundina Benítez destacou o inmellorable escenario elixido para a celebración do acto, “unha renovada Praza do Calvario, o mellor marco, que representa o que foron estes catro anos de Goberno do BNG no Concello do Rosal”. “Catro anos de Goberno de Ánxela no que non só se levaron a cabo demandas históricas, senón nos que tamén se levou a cultura ás parroquias, por exemplo. E xa se está a traballar en novos proxectos nos que a recuperación de espazos simbólicos son os protagonistas”, lembrou.
Ningún comentario:
Publicar un comentario